Nova: As VIII Xornadas sobre Inclusión Social nas Artes Escénicas celébranse en abril na Coruña

14/03/2016

As VIII Xornadas sobre Inclusión Social nas Artes Escénicas celébranse en abril na Coruña

Espectáculos, relatorios e talleres conforman o programa 

A Agadic é unha entidades colaboradoras deste encontro impulsado polo INAEM xunto a outras sete institucións de toda España

O obxectivo é abordar a relación das artes escénicas e da música cos colectivos sociais máis vulnerables
 

A Coruña, 14 de marzo de 2016.- A Coruña acollerá do 20 ao 22 de abril as VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas, que se desenvolverán arredor dun intenso programa de espectáculos, relatorios e talleres en diferentes espazos da cidade. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora neste encontro organizado polo Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM) xunto con outras sete entidades do resto do España.

O obxectivo é abordar a relación das artes escénicas e a música coa sociedade actual, en especial con aqueles colectivos máis vulnerables. Con tal fin, analizaranse as posibilidades destas artes como xeradoras de dinámicas que lles faciliten a estes grupos a consecución de metas sociais, artísticas e persoais.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación das xornadas, na que tamén interviñeron José Manuel Sande, concelleiro de cultura da Coruña; Jaime Guerra, asesor técnico do INAEM; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro e presidente da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública; e Ánxela Franco, deputada de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña.

Funcións educativas e sociais
Na súa intervención, Jacobo Sutil incidiu na importancia de que as institución culturais do século XXI ofrezan novos espazos e puntos de encontro desde os que a creación artística poida non só ser accesible para a maior parte da cidadanía, senón tamén participada na súa xénese pola colectividade á que se dirixe. “Tal é o caso -continuou- da iniciativa que hoxe presentamos e que constitúe, sen dúbida, un marco idóneo no que poñer en práctica as proveitosas funcións educativas e sociais da música, do teatro e da danza para que estas disciplinas poidan manifestarse, ben sobre o escenario ben desde unha mesa de debate, como paradigma dunha sociedade posible ou, mellor dito, preferible”.

Como institución anfitrioa, o Concello da Coruña achega o Teatro Rosalía Castro como epicentro das xornadas, no marco das que acollerá a exhibición de dous espectáculos, cinco relatorios e a proxección dun documental. O programa inclúe, así mesmo, a organización de dez talleres en distintos espazos da cidade, como o Teatro Colón, a Casa Museo Casares Quiroga, o Kiosko Alfonso e a Fundación Luis Seoane.

O programa arrancará o mércores 20 de abril coa posta en escena de 'Las muchas', montaxe dirixida por Mariantònia Oliver a partir dun traballo previo realizado con mulleres da Coruña. 'Vida laboral' é o título do segundo espectáculo que poderá verse durante este encontro e que, neste caso, contará coa participación de homes da cidade baixo a dirección de Claudia Facci. O resultado deste segundo proceso creativo será exhibido o xoves día 21.

Para os relatorios contarase con destacados profesionais procedentes de diferentes puntos de Europa e América: Jean-Fredéric Chevallier (Francia), Ester Bonal (España), Marta Íñiguez (España) e Arístides Vargas (Arxentina-Ecuador). A través das súas experiencias, analizaranse proxectos ligados á recuperación da memoria como valor para a construción da comunidade e da identidade cidadá, así como propostas que apostan pola creatividade e a expresión propia para abordar temáticas como a xentrificación, o xénero, a xuventude ou as migracións, entre outras.

Obradoiro do Grupo Chévere
Neste mesmo sentido, organizarase unha decena obradoiros, entre os que se atopa o taller teórico-práctico que os galegos Xron e Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere, impartirán o xoves 21 baixo o título 'Eroski Paraíso: colectivizar a memoria'.

As xornadas concluirán na tarde do venres 22 de abril coa proxección do documental portugués 'Cidadãos de corpo inteiro', producido por PELE e o Teatro Nacional São Joao de Porto a partir do proceso de creación do espectáculo teatral 'MAPA-O Jogo da Cartografía'.

Inscricións
A organización oferta un máximo de 200 prazas para asistir ás VIII Xornadas sobre a Inclusión Social e a Educación nas Artes Escénicas, para as que se mantén aberto o prazo de inscrición en liña ata as 12.00 horas do venres 8 de abril. A matrícula é gratuíta e debe formalizarse a través da web http://www.mecd.gob.es/cultura-mecd/areas-cultura/artesescenicas/artes-escenicas-e-inclusion-social/jornadas-sobre-la-inclusion-social.html.
 

Comparte