Nova: A directora do CDG imparte na LaZonaKubik un taller actoral co autor xaponés Shiro Maeda

16/03/2016

A directora do CDG imparte na LaZonaKubik un taller actoral co autor xaponés Shiro Maeda

Será un laboratorio de creación no que participarán 10 actores (4 deles galegos) en seis sesións lectivas e unha master class aberta ao público

  • Shiro Maeda Shiro Maeda

Santiago, 16 de marzo de 2016.- A sala de teatro madrileña LaZonaKubik desenvolve ata o vindeiro 22 de marzo un taller-laboratorio de creación para actores e actrices arredor da obra do autor xaponés Shiro Maeda, quen conducirá o encontro xunto coa directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia.

Baixo o título 'Suteru Tabi', a iniciativa organizada en colaboración coa compañía pública galega e co apoio da Japan Foundation, ten por obxectivo a aproximación á forma de traballo do dramaturgo e director Shiro Maeda, fundador da compañía toquiota Gotanndadan, así como a apertura de vías de comunicación coa cultura nipona. Para isto, toma como punto de partida a comprensión activa da última peza escrita por Maeda, 'Suteru Tabi' (Viaxe para tirar), coa intención de xerar un diálogo entre ambas culturas por medio da translación dos elementos xaponeses á nosa realidade.

No taller, que se desenvolverá en seis sesións lectivas e mais unha master class aberta ao público, participan un total de 10 actores e actrices, catro deles galegos: María Vázquez, Areta Bolado, Lino Ferreira e Alejandro Saa.

LaZonaKubik é un centro teatral vinculado á produtora de cine e teatro La Zona e á compañía Kubik Fabrik. Ocupa unha nave industrial na rúa Primitiva Gañán, desde onde aposta polo apoio á creación contemporánea e aos valores emerxentes, acompañando procesos creativos que poden ser a orixe de futuras producións. A súa filosofía non se limita á exhibición de espectáculos, senón que tamén traballa a prol das novas creacións, ao tempo que se buscan novas fórmulas para o seu achegamento ao público, implicando á audiencia nunha participación activa.

Deste xeito, os laboratorios que organiza LaZonaKubik están enfocados ao ámbito da dirección, da dramaturxia e da xestión cultural e contan para este bimestre con algúns dos nomes más relevantes do panorama teatral actual, tanto nacional como internacional: Alfredo Sanzol, Julián Fuentes Reta, José Troncoso, Natalia Simó ou Fernando Sánchez-Cabezudo, entre outros.

Comparte