Nova: Librarías galegas participan nun programa de dixitalización para favorecer a súa modernización e mellorar a súa competitividade

16/03/2016

Librarías galegas participan nun programa de dixitalización para favorecer a súa modernización e mellorar a súa competitividade

A Xunta colabora coa Federación de Librarías de Galicia neste proxecto do que forman parte 200 establecementos

Os libreiros adquiren coñecementos e resolven dúbidas nas clases que se imparten en liña a través das aulas CeMIT

Santiago, 16 de marzo de 2016.- A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron na presentación do I Programa de Apoio á Transformación Dixital da Federación de Librarías de Galicia, celebrada esta mañá no edificio CERSIA en Santiago de Compostela. Con esta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora coa entidade que preside Pilar Rodríguez Álvarez para acadar a modernización e dixitalización do sector libreiro e, polo tanto, mellorar a súa competitividade.

Nesta primeira edición do Programa de apoio á transformación dixital participan preto de 200 librarías, o que demostra a expectación e interese que espertou no gremio esta nova iniciativa. Os participantes poden adquirir coñecementos, compartir experiencias e resolver as súas dúbidas con profesionais, unha formación directa que é posible a través das clases que se imparten en liña nas aulas CeMIT, distribuídas por toda a xeografía galega.

As librarías participantes recibirán formación teórica e práctica que contribuirá ao fomento da implantación das novas tecnoloxías nos seus establecementos, unha modernización e renovación empresarial estratéxica que favorece o impulso do sector e mellora a competitividade e produtividade dos negocios.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén unha estreita colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, con campañas de dinamización comercial e o desenvolvemento do smart commerce e de aplicacións e webs para teléfonos móbiles. A Consellería ten en marcha o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia, ao que destina 70 millóns de euros ata 2020 para modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego. En concreto, son 55 accións específicas que buscan acadar tres retos fundamentais: afianzar a renovación do sector comercial; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente a través da súa dinamización e mellora continua.

Comparte