Nova: O espectáculo musical Xente miúda, moita fartura incorpórase ás propostas de FalaRedes 2016

16/03/2016

O espectáculo musical Xente miúda, moita fartura incorpórase ás propostas de FalaRedes 2016

Promoverá o uso do galego e a súa transmisión interxeracional con concertos en directo dirixidos ao público familiar con cativada de 0 a 5 anos

Percorrerá, ata maio, dezaoito localidades da Rede de Dinamización Lingüística

  • Valentín García presenta 'Xente miúda, moita fartura', a nova proposta de dinamización lingüística do 'FalaRedes 2016' Valentín García presenta 'Xente miúda, moita fartura', a nova proposta de dinamización lingüística do 'FalaRedes 2016'

Santiago , 16 de marzo de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou na Cidade da Cultura 'Xente miúda, moita fartura', a nova actividade do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' que a Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

“Desde esta fin de semana e ata maio programaremos na RDL concertos en directo para ofrecerlle ás familias novas unha opción de ocio de calidade en galego e un amplo repertorio de cancións coas que acompañar os momentos máis cotiáns dos miúdos e das miúdas (os aniversarios, a hora de durmir, a hora de gardar os xoguetes...)”, detallou o secretario xeral, quen incidiu en que con esta proposta “a música cantada volve ser o mellor vehículo para promover o uso da nosa lingua propia no ámbito familiar e a súa transmisión interxeracional”.

García Gómez estivo acompañado polo músico e compositor Pablo Díaz, que será o encargado de levar a proposta, baseada no seu disco 'Xente miúda, moita fartura', a 18 concellos de Galicia no marco do 'FalaRedes 2016'.

A xente miúda, a protagonista máis especial
A xente miúda da casa é, ano tras ano, a protagonista máis especial do 'FalaRedes'. A quinta edición do programa de dinamización lingüística incorpora como terceira actividade 'Xente miúda, moita fartura', concertos en directo do recente traballo discográfico homónimo de Pablo Díaz, un dos referentes máis destacados da música infantil feita en Galicia.

Da man de Pablo Díaz (voz, harmónica, acordeóns e percusións), Carmen Rey (piano e voz) e Tito Calviño (guitarra acústica), esta actividade poderase gozar esta mesma fin de semana en Lalín (sábado 19, no Auditorio Municipal) e en Bueu (domingo 20, no Centro Social do Mar). En ambos os dous casos, a cita é ás 18:00 horas.

Dezaoito concellos acollen a xira
Logo do seu paso por Lalín e Bueu, as vindeiras paradas, ata maio, serán Ames, Arteixo, Arzúa, Boiro, Ordes, Rois, Teo, Val do Dubra, O Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Ribadavia, Xinzo de Limia, Baiona, Caldas de Reis, Soutomaior e Valga.

Coma sempre no 'FalaRedes', en todas as localidades a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas. O calendario completo da xira xa está dispoñible no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo de lecer en galego que se están a desenvolver desde o mes de febreiro e ao longo de todo o ano nos concellos da RDL.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

Toda a información sobre a nova edición no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal) e nas redes sociais do programa.

Comparte