Nova: A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia pon en marcha o carné único

17/03/2016

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia pon en marcha o carné único

Por vez primeira e cun único carné, os usuarios poden acceder aos servizos de todas as bibliotecas galegas integradas neste programa e a un catálogo colectivo con todos os seus fondos accesibles para a súa consulta en liña

A Amtega e a Consellería de Cultura presentan o novo sistema integrado de xestión bibliotecaria da Rede, que xa está implantado nun total de 43 bibliotecas de toda Galicia, tanto de xestión autonómica e municipal como de institucións como a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega

Os portais web da Rede, da Biblioteca de Galicia e das bibliotecas centrais territoriais tamén se renovan para lle ofrecer á cidadanía novos servizos e recursos

 

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia pon en marcha o carné único da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia grazas á implantación dun novo sistema integrado de xestión bibliotecaria de catálogo único, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Estas medidas permítenlles aos usuarios e usuarias, por vez primeira e cun carné único, acceder aos servizos de todas as bibliotecas galegas integradas neste programa e a un catálogo colectivo con todos os seus fondos dispoñibles para a súa consulta en liña. O traballo técnico dos profesionais das bibliotecas tamén se axiliza e estandariza ao contar cun único sistema para a xestión de todas as coleccións, ben sexan físicas ou dixitais, que automatiza os procesos de catalogación, reservas, inventariado ou préstamos interbibliotecarios. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa a directora da Amtega, Mar Pereira, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Carné único en 25 bibliotecas e máis de 900.000 títulos 
O carné único é xa unha realidade para os usuarios e usuarias das 25 bibliotecas públicas e axencias de lectura nas que está en funcionamento o novo sistema: as bibliotecas públicas de xestión autonómica de Lugo, de Ourense, da Coruña “Miguel González Garcés”, de Pontevedra “Antonio Odriozola”, de Vigo “Juan Compañel” e de Santiago “Ánxel Casal”; e as bibliotecas públicas municipais de Ferrol, de Vigo, de Oleiros, de Laxe, de Sanxenxo e máis de Ortigueira.

Ademais de ofrecer os máis de 900.000 títulos e preto de dous millóns de documentos destas 25 bibliotecas, o catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia incorpora os fondos da Biblioteca de Galicia, bibliotecas de institucións de especial interese para Galicia como a da Real Academia Galega, a do Consello da Cultura Galega, a da Fundación Manuel María, a da Fundación Vicente Risco e a do Centro Galego de Artes da Imaxe, xunto coas bibliotecas dos museos e dos arquivos xestionados pola Consellería de Cultura e Educación.

Implantación progresiva
“Nesta primeira fase estamos a falar, en conxunto, dun total de 43 bibliotecas integradas neste novo sistema –explicou Anxo Lorenzo– e o obxectivo da próxima fase do proxecto é integrar de forma progresiva ás máis de 300 restantes bibliotecas e axencias de lectura que forman parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e que na actualidade contan con diferentes programas de xestión bibliotecaria”.

Nunha terceira fase tamén está prevista a implantación nas bibliotecas escolares deste novo programa baseado na tecnoloxía liberada e en formato aberto a través do software Koha, adaptado aos estándares internacionais e que facilita a xestión de socios, a catalogación de documentos, os préstamos e adquisicións de obras, e que permite tamén obter informes estatísticos.

Renovación das principais webs do sistema bibliotecario
As novas actuacións no ámbito tecnolóxico levadas a cabo polo Goberno galego para a mellora dos servizos bibliotecarios tamén inclúen a renovación dos portais web da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia http://rbgalicia.xunta.gal, da Biblioteca de Galicia http://bibliotecadegalicia.xunta.gal e das bibliotecas centrais territoriais de xestión autonómica de Coruña, Santiago, Vigo, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Ademais de contar cun deseño actualizado, as novas páxinas “ofrecen unha visión homoxénea do conxunto das oito webs, para facilitar as buscas e o acceso á información dos usuarios”, explicou Mar Pereira.

Trátase de webs máis dinámicas e visuais, adaptadas ás necesidades dunha mellor información e servizo público, que ao mesmo tempo favorecen a funcionalidade e facilitan a interacción cos usuarios. O portais, que están adaptados para o seu acceso a través de dispositivos móbiles e tabletas, ofrecen unha completa axenda de actividades na que consultar a oferta diaria de cada biblioteca, que tamén está accesible na Axenda de Cultura de Galicia.

A directora da Amtega recordou que “estes novos portais nacen xa co apelido ‘.gal’, como todas as novas iniciativas web da Xunta” e que “son xa máis de 50 as webs institucionais que empregan o dominio galego, un compromiso no que avanzamos e ao que se sumará tamén o cambio do correo corporativo”.

Innovación e melloras tecnolóxicas no ámbito cultural
Estas iniciativas veñen sumarse aos diversos proxectos de innovación e mellora tecnolóxica promovidos pola Xunta de Galicia no ámbito cultural, entre as que destacan o portal da Libraría Institucional da Xunta de Galicia, que desde o pasado ano ofrece un único punto de acceso na rede a todo o catálogo de publicacións da Xunta de Galicia que supuxo, ademais, a primeira canle de comercio en liña da Administración autonómica; a plataforma de préstamo GaliciaLe, con preto de 1.700 títulos en galego e en castelán en formato electrónico para lectura en liña ou a súa descarga aos soportes dixitais; ou os novos portais de museos e de cultura, xunto coa aplicación da Axenda Cultural de Galicia para facilitar e axilizar o acceso da cidadanía á información cultural.
 

Comparte