Nova: Inaugúrase a mostra itinerante A cara oculta dos versos

21/03/2016

Inaugúrase a mostra itinerante A cara oculta dos versos

Isabel Pintado amosa a súa creatividade coa intervención en 21 libros de poemas, homenaxe a autoras e autores galegos

  • O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a artista Isabel Pintado presentaron esta tarde na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago a exposición 'A cara oculta dos versos' O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a artista Isabel Pintado presentaron esta tarde na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago a exposición 'A cara oculta dos versos'

Santiago, 21 de marzo de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a artista Isabel Pintado presentaron esta tarde na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago a exposición 'A cara oculta dos versos', no marco do Día Internacional da Poesía. A artista madrileña radicada en Galicia amosa nesta mostra a súa creatividade sobre 21 libros de poesía, intervidos como unha homenaxe aos escritores que foron protagonistas das súas lecturas.

Promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Cultura, a exposición configúrase a partir das intervencións artísticas que realiza Isabel Pintado sobre as capas e as páxinas de cada un dos libros que conforman a mostra, entre os que se inclúen as obras ‘A esencia máis nosa’, de Manuel María; ‘A boca da terra’, de Manuel Rivas; ‘A distancia do tambor’, de Eva Veiga; ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio Ferreiro; ‘Os eidos’, de Uxío Novoneyra; ‘A ponte das poldras’, de Chus Pato; ‘Edénica’, de Yolanda Castaño; e ‘Territorio da desaparición’, de Miguel Anxo Fernán Vello, entre outros.

A mostra tamén se poderá ver ata finais de xuño na Bibioteca Pública de Lugo, na Biblioteca Pública Central de Ferrol, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola e na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés.

Comparte