Nova: A Cidade da Cultura lanza unha campaña especial de promoción para a Semana Santa

22/03/2016

A Cidade da Cultura lanza unha campaña especial de promoción para a Semana Santa

O Gaiás chega a un acordo con Incolsa, empresa pública encargada de promoción turística en Santiago, para ter unha presenza destacada na súa oficina

Os autobuses se reforzarán durante os festivos, cunha conexión cada hora que comunicará o centro co Gaiás

Puntos de alta concentración turística, como a Alameda de Santiago, a Casa do Cabido ou o Museo das Peregrinacións, contarán con plasmas ou estruturas informativas, así como hoteis, estación de tren e aeroporto
 

  • Última semana para ver a exposición 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan'
  • Exposición 'Con-Fío en Galicia'

Santiago, 22 de marzo de 2016.- A Cidade da Cultura lanza unha campaña de promoción os días festivos da Semana Santa para dar a coñecer a súa oferta cultural entre os milleiros de visitantes que se achegarán a Santiago. No marco desta campaña, o Gaiás vén de asinar un acordo con Incolsa, a empresa municipal que xestiona a promoción turística. Grazas a esta colaboración, terá presenza destacada na súa oficina no casco histórico de Santiago cun espazo singular e un informador propio.

A Cidade da Cultura instalará durante estes días elementos de publicidade exterior con información en puntos de alta concentración turística, como a Alameda de Santiago, e terá plasmas en edificios de interese, como a Casa do Cabido ou o Museo das Peregrinacións, en Praterías. Hoteis, estación de Renfe e aeroporto contarán tamén con información.

O Gaiás e Tussa, a empresa responsable do transporte urbano en Santiago, chegaron a un acordo para reforzar a conexión con autobuses. Desde as 9.30 ás 21 horas, a liña 9 conectará cada hora o centro coa Cidade da Cultura, podendo tomar este bus en paradas céntricas, como a Rúa da Senra ou Virxe da Cerca.

Exposicións de moda e fotografía
O visitantes que se acheguen á Cidade da Cultura poderán visitar de balde as dúas exposicións en marcha no Museo Centro Gaiás: ‘Con-fío en Galicia’, que vén de ser inaugurada, e ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, que chega aos seus últimos días, xa que pechará o domingo 27 de marzo.

O horario de apertura ao público do Museo é de 10 a 20 horas e ofrécense visitas guiadas diarias de balde ás 12,30 e ás 18,30. Ademais do Museo, a Biblioteca e Arquivo de Galicia exhibe a mostra ‘Mulleres sobranceiras. Olga Gallego’, sobre o traballo desta relevante historiadora ourensá.

Comparte