Nova: Increméntanse nun 20 por cento as axudas ás actividades de distribución para industrias culturais

22/03/2016

Increméntanse nun 20 por cento as axudas ás actividades de distribución para industrias culturais

Nesta convocatoria, a Agadic destina un total de 420.000 euros fronte aos 350.000 adxudicados en 2015

En 2015 recibiron subvención 53 empresas culturais para a realización de 435 actuacións escénicas e musicais dentro e fóra de Galicia e 35 accións en mercados e feiras internacionais

Santiago, 22 de marzo de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria de subvención ás actividades de distribución para as industrias culturais por un importe total de 420.000 euros. Esta dotación supón un incremento do 20% respecto da contía destinada en 2015 a estas axudas, a través das que se busca favorecer a exhibición de espectáculos galegos profesionais dentro e fóra da nosa Comunidade, así como a promoción exterior dos nosos produtos culturais en mercados e feiras de carácter internacional.

O prazo de solicitude desta convocatoria, inserida dentro do programa xeral de axudas da Agadic ás industrias culturais, estendese desde mañá e ata o vindeiro 31 de agosto para aquelas actividades desenvolvidas entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. A súa concesión é automáticas e realízase por orde de recepción, atendendo todas aquelas solicitudes que reúnan os requisitos esixidos ata finalizar o prazo ou, no seu caso, ata o esgotamento do orzamento asignado.

Catro modalidades
Mantense este ano a clasificación destas subvencións en catro modalidades. As tres primeiras delas, para as que se reserva un orzamento de 310.000 euros, están dirixidas a accións que se realicen fóra de Galicia (distribución de espectáculos escénicos e musicais, representación de espectáculos de artes escénicas e de música en feiras e festivais, e asistencia a feiras e mercados culturais), mentres que a cuarta destínase a apoiar a distribución escénica dentro da nosa Comunidade.

Con esta liña de axudas, a Xunta busca favorecer a internacionalización das nosas industrias culturais contribuíndo a financiar parte dos gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior proxección do seu traballo e dos seus produtos fóra de Galicia. Neste sentido, en 2015 a Agadic adxudicou un total de 350.742 euros en subvencións para distribución a 53 empresas culturais.

A través desta contía, contribuíuse á realización de 435 actuacións de teatro, danza, novo circo e música dentro e fóra da Comunidade, así como á promoción exterior dos produtos culturais galegos mediante 35 accións desenvolvidas en mercados e feiras internacionais. Portugal, Italia, Reino Unido, Arxentina, Brasil, Costa Rica, Ecuador, Perú, México, Estados Unidos, Marrocos ou Taiwán foron algúns dos destinos incluídos nas xiras internacionais das empresas subvencionadas, que tamén realizaron numerosas accións en diferentes localidades españolas.

Entre os solistas, grupos musicais e compañías escénicas que o ano pasado contaron con axuda para as súas actuacións no estranxeiro atopamos nomes tan coñecidos como Budiño, Carlos Núñez, Leilía, Luar na Lubre, Radio Cos, Rosa Cedrón, Sumrrá, Xoán Curiel, El Retrete de Dorian Gray, Inversa Teatro, La Macana, Matarile Teatro, Neodans, Ningures Producions, Pistacatro, Tanxarina Títeres ou Títeres Cachirulo.

Comparte