Nova: O Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas estende a tradición musical galega entre os máis novos

26/03/2016

O Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas estende a tradición musical galega entre os máis novos

O conselleiro de Cultura e Educación clausurou este certame, que tivo en Quiroga, que tamén acolle a trixésimo cuarta Feira do Viño

Quiroga (Lugo), 26 de marzo de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, felicitou ao Concello de Quiroga por manter e estender a tradición musical galega entre os máis novos con iniciativas como o I Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.

Na clausura do encontro, o conselleiro lembrou a importancia de incidir na formación musical desde idades temperás e loou o labor das agrupacións e das bandas a prol do mantemento da tradición e do herdo musical popular. “Coa gaita, un instrumento que está presente na cultura galega desde a Idade Media, exprésase a sabedoría do pobo”, concluíu.

Román Rodríguez, -acompañado do alcalde da localidade, Julio Álvarez- aproveitou tamén para participar na Feira do Viño, un evento que vai xa pola súa trixésimo cuarta edición e que representa unha boa oportunidade para exaltar e promover os caldos da zona.

Comparte