Nova: Preséntase a Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2015
28/03/2016
Preséntase a Memoria de actividades de cultura da Xunta de Galicia 2015
Román Rodríguez salienta como obxectivos da Xunta a democratización da cultura no marco dunha sociedade inclusiva e a internacionalización do sector
Santiago, 28 de marzo de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá a ‘Memoria de actividades de Cultura da Xunta de Galicia 2015’, un exercicio de transparencia no que se recollen as actuacións realizadas tanto nas bibliotecas públicas e arquivos de Galicia, como nos museos dependentes da Consellería, na Cidade da Cultura, ou ao abeiro da AGADIC. Así mesmo resúmense as accións en prol da difusión do libro e da literatura galega, da internacionalización da nosa cultura, da promoción da música e das artes escénicas e audiovisuais, da difusión das artes plásticas e visuais e da conservación do noso patrimonio.
Finalmente, a memoria ofrece como anexos a estrutura da Consellería e a relación das convocatorias realizadas polo departamento de Cultura e Educación con cargo aos orzamentos de 2015, nas que se pode ver dun xeito sintético cales son as liñas de axuda pública no ámbito cultural da Xunta de Galicia.
Durante a súa intervención o conselleiro salientou os fitos principais acadados no eido cultural pola Xunta o pasado ano, tales como a elaboración do anteproxecto de Lei do Patrimonio Cultural ou o avance en materia de eliminación da fenda dixital para o acceso á cultura, e sinalou como obxectivos a democratización da cultura no marco dunha sociedade inclusiva, dentro da Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020; e a internacionalización das industrias culturais galegas. Neste sentido lembrou que no 2016 haberá dúas novas oportunidades únicas para medrar cara a fóra: a celebración por segunda vez en Santiago do WOMEX e o protagonismo da capital galega como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires (Arxentina). Na presentación do mesmo, ademais do conselleiro, participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Bibliotecas e arquivos
A Rede de Bibliotecas de Galicia, composta polas bibliotecas de xestión autonómica en cada unha das cidades galegas, conta cun espazo web (rbgalicia.xunta.gal) que rexistrou nestes 12 meses 116.786 visitas. De forma paralela a este servizo, en 2015 consolidouse ‘Galicia Le’, a plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas, que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato. En funcionamento desde outubro de 2014, a plataforma en liña rexistrou 11.843 préstamos, executados polos 5.678 usuarios e usuarias activos. Estas estatísticas sitúan a Galicia no quinto posto en número de préstamos, entre as 14 comunidades autónomas de España que iniciaron o servizo de préstamo do libro electrónico a finais de 2014.
A Rede de Bibliotecas de Galicia acolleu ademais durante o pasado ano unha ampla actividade de dinamización da lectura, fundamentalmente a través do programa de dinamización da lectura 'Ler conta moito', dentro do que se realizaron 711 actividades en 192 bibliotecas públicas da Rede de Bibliotecas de Galicia, pertencentes a 144 concellos galegos. A iniciativa inclúe obradoiros creativos, actividades de narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca, teatro e danza, entre outras actividades, dirixidas aos diferentes públicos, desde bebés de 0 a 3 anos, nenos, mocidade e adultos, ata colectivos con necesidades especiais.
Do Plan Lía aos arquivos
De forma paralela desenvolvéronse diferentes actividades nas bibliotecas escolares ao abeiro do Plan Lía, entre as que se inclúen os programas Hora de ler e Clubs de lectura, o Concurso de Traballos por Proxectos, o programa Bibliotecas escolares solidarias, a planificación de formación do profesorado en materia de bibliotecas escolares e o asesoramento aos centros e á Rede de Formación do Profesorado en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura.
En materia de arquivos, os dependentes da Consellería de Cultura e Educación dixitalizaron ao longo do pasado ano un total de 161.776 documentos. Neste ámbito destaca a finalización do desenvolvemento do proxecto ARPAD, o Arquivo Dixital para a conservación do patrimonio documental e a eliminación do papel nas relacións administrativas, que se enmarca no Programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal, da Unión Europea. Esta infraestrutura tecnolóxica situada no Centro de Proceso de Datos do Gaiás–que se pon en marcha este ano–actuará como nodo central de custodia de toda a información que xera a Administración autonómica e fará posible a tramitación integramente electrónica e a conservación do patrimonio documental galego.
Novo marco legal para o patrimonio
A elaboración do Anteproxecto da Lei do patrimonio cultural de Galicia foi a actividade máis importante desenvolvida pola Xunta neste eido no 2015 que continuará en 2016 a súa tramitación parlamentaria. A Consellería presentou o pasado ano unha proposta de nova regulación para o ámbito do patrimonio cultural galego, o que procura a ponderación e integración da protección do patrimonio nas demais políticas sectoriais, así como unha maior colaboración interadministrativa e a participación cidadá. Ademais, o novo marco regulador proposto busca unha simplificación tanto no aspecto lexislativo como no administrativo e, moi particularmente, na clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia. Integra tamén a protección dos Camiños de Santiago no conxunto da custodia do patrimonio cultural e outórgalles o protagonismo aos concellos neste ámbito.
O 2015 tamén foi un ano con consecucións importantes para o patrimonio cultural galego coa inclusión na lista do patrimonio mundial da Unesco das catro rutas dos Camiños do Norte, un recoñecemento fundamental para a protección dun dos máis importantes bens da cultura galega e europea.
Un ano máis, a Secretaría Xeral de Cultura desenvolveu diversas actividades artísticas e didácticas en varios puntos de Galicia destinadas á posta en valor e á difusión do patrimonio cultural. Os ciclos Espazos Sonoros e Monumenta son as principais programacións, se ben o departamento préstalles apoio a outras programacións como o Festival Via Stellae, o Festival de Músicas Contemplativas ou Música no Claustro, na catedral de Tui.
Rede de museos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona de forma directa o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Massó, o Museo do Mar de Galicia, o Museo Pedagóxico de Galicia, así como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa e os centros expositivos da Casa da Parra e do Museo Centro Gaiás que, no seu total recibiron preto de 325.000 visitas. Para facilitar o acceso á información destes e outros museos galegos, púxose en marcha en 2014 o portal do sistema de museos de Galicia, museos.xunta.es, que permite acceder a unha información detallada dos museos e coleccións da rede museística galega, a axenda de actividades e exposicións. Este portal recibiu no seu primeiro ano de funcionamento un total de 16.545 visitas.
Entre os fitos máis importantes do ano neste eido cómpre sinalar a apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago na praza das Praterías, unha rehabilitación que contribúe a poñer en valor a colección atesourada e mostrala ao visitante nun novo discurso expositivo.
Difusión social das artes plásticas e visuais
O Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Centro Gaiás e a Casa da Parra son os principais espazos expositivos centrados na difusión social das artes plásticas e visuais. Durante o ano 2015 estes espazos continuaron coa súa actividade acollendo numerosas mostras entre as que cabe salientar ‘O primeiro Picasso. A Coruña 1891-1895’, na que esta cidade galega se reafirmou, xunto con Málaga e París, como parte do triángulo vital dun dos pintores españois máis importantes do século pasado; ou ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’, homenaxe a unha figura fundamental da fotografía galega.
As políticas da Xunta neste eido manifestáronse ademais en conmemoracións como a celebración do Primeiro Día das Artes Galegas, dedicado ao Mestre Mateo e apoiada pola Consellería de Cultura e Educación, ou no apoio a certames artísticos - Premio Galicia de Fotografía, Galicia en Foco, Francisco Mantecón ou o Certame de Escultura Asorey-.
Promoción das industrias culturais
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é o departamento da Xunta encargado da promoción das artes escénicas, musicais e audiovisuais, así como do emprendemento no eido cultural, principalmente a través dunha destacada política de axudas ao sector que queda recollida no anexo 2 da Memoria hoxe presentada, e cuxa económica total ascendeu no 2015 a case 3,9 millóns de euros.
A Agadic continuou ademais traballando na difusión da nosa cultura a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas, Rede Galega de Música ao Vivo e de iniciativas como ‘Cultura no Camiño’ ou ‘Cinemas de Galicia’, que achegan a cada recuncho do país unha coidada programación que facilita a democratización da cultura.
De forma paralela, o Centro Dramático Galego (CDG) continuou a traballar no 2015 para ofrecerlle ao espectador galego unha visión completa do panorama dramático contemporáneo; e o Centro Coreográfico Galego (CCG) seguiu avanzando como espazo de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza en Galicia. Así mesmo o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) foi o encargado da recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego.
Internacionalización
Tanto desde a Agadic como desde a Secretaría Xeral de Cultura seguíronse desenvolvendo actuacións no 2015 en prol da internacionalización da nosa cultura, a través de iniciativas como ‘FilmsFromGalicia’ ou da programación do WOMEX 2016, o maior mercado de músicas do mundo que se celebrará por segunda vez na capital de Galicia este ano.Do mesmo xeito estreitáronse os lazos co ámbito lusófono e coa Unión Europea.
O 2015 foi tamén o ano da designación de Santiago de Compostela como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires 2016, unha oportunidade única para a difusión do sector galego do libro no ámbito latinoamericano.
Impulso ao sector do libro
No ámbito do libro, tiveron a súa continuidade as axudas á edición, así como as diferentes iniciativas de dinamización do sector que a Consellería vén apoiando, tales como Feiras do Libro de Galicia e a participación de Galicia nas principais citas internacionais no ámbito editorial para dinamizar o comercio exterior, concretamente nas feiras de Boloña, de Buenos Aires, de Fráncfurt e de Guadalaxara (en México).
En 2015 púxose en marcha a Libraría Institucional da Xunta de Galicia, un portal que permite, por primeira vez, acceder ao fondo editorial de todos os departamentos do Goberno e a adquisición en liña destas publicacións.
A Cidade da Cultura
O 2015 foi o ano no que a Cidade da Cultura reafirmou a súa vontade de unión e imbricación con Santiago de Compostela a través de novos proxectos de urbanización: o Bosque de Galicia, as sendas peonís cara ao Gaiás ou o Xardín Literario. Ao mesmo tempo, ao abeiro da programación levada a cabo no 2015 polo departamento de Acción Cultural organizáronse 192 actividades culturais ás que asistiron 95.479 persoas.
Pola súa parte, as 200 persoas que acolle o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia continuou desenvolvendo unha actividade permanente de apoio ao emprendemento no ámbito cultural e tecnolóxico, con xornadas de formación e unha titorización de proxectos personalizada, ademais dun espazo de coworking e un viveiro para empresas.
Cómpre engadir á actividade cultural e de emprendemento a dinámica actividade congresual e de celebración de eventos, organizados por institucións públicas, empresas privadas ou outro tipo de organizacións que se celebran na Cidade da Cultura, con 355 eventos distintos en 2015.
Pola súa banda o Museo Centro Gaiás volveu amosar a súa capacidade expositiva con tres mostras de relevancia: ‘Cinegalicia25’, ‘Camiño. A orixe’ e ‘José Suárez. Uns ollos vivos que pensan’.
A función social da cultura
Ao longo do ano 2015 a cultura volveunos dar mostras da súa importante función social, integradora, favorecedora da convivencia e do desenvolvemento da sociedade. Neste sentido e de acordo coa Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, promoveuse atención á diversidade a través de iniciativas como a incorporación á programación da Agadic de obras desenvolvidas con colectivos diversos, ou proxectos como 'En-Red-Arte', entre outros.
Por outra banda, a illa de San Simón, na ría de Vigo, acolleu unha nova edición do exitoso 'NEThinking', un encontro anual entre algúns dos expertos comunicadores, bloggers e artistas máis influentes en internet, para debater e transmitir coñecemento sobre os novos medios comunicación, redes e modelos de negocio arredor dos contidos dixitais, evento que se situou como referencia no panorama divulgativo sobre o mundo dixital, con ampla pegada en Twitter e eco en máis de 30 países a través do streaming.