Nova: Cultura preséntalle á Fegamp a proposta de Plan Estratéxico para a Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos

30/03/2016

Cultura preséntalle á Fegamp a proposta de Plan Estratéxico para a Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos

Román Rodríguez solicitoulle ademais a Alfredo L. García Rodríguez colaboración para poñer en marcha actuacións en prol da convivencia escolar
 

  • O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo L. García Rodríguez O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo L. García Rodríguez

Santiago, 30 de marzo de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo L. García Rodríguez, para presentarlle iniciativas do seu departamento nas que considera fundamental a colaboración e a implicación dos Concellos.

O titular do departamento de Cultura da Xunta presentoulle a García Rodríguez a proposta de desenvolver un Plan Estratéxico para a Dinamización dos Pequenos Cascos Históricos, unha iniciativa coa que o Goberno galego quere favorecer a conservación destes núcleos ao tempo que se promove a fixación de poboación neles. O plan será transversal e contará coa participación de varios departamentos da Xunta de Galicia. O obxectivo da reunión de hoxe é que a FEGAMP se implique tamén no desenvolvemento deste proxecto impulsor.

Por outra banda Román Rodríguez propúxolle ao presidente da FEGAMP que a Consellería e os Concellos colaboren para mellorar a convivencia nos centros escolares. Neste sentido o conselleiro explicou que na análise dos problemas de convivencia se ten constatado a importante influencia do que ocorre fóra do centro educativo propiamente, na súa contorna. Polo tanto, a Consellería considera que o papel das entidades municipais é fundamental na mellora do clima escolar.

O conselleiro e o presidente da FEGAMP concluíron na necesidade de afondar en ambos os dous asuntos, para o que se manterán novos contactos a través das direccións xerais correspondentes – Patrimonio e Educación, FP e Innovación educativa- de cara a avanzar e realizar xornadas de traballo para coordinar obxectivos cando as liñas principais de actuación en ambos os temas estean máis avanzadas.

Comparte