Nova: O Womex e o Spin demostran o avance do Gaiás como centro cultural e do emprendemento de referencia
30/03/2016
O Womex e o Spin demostran o avance do Gaiás como centro cultural e do emprendemento de referencia
Santiago, 30 de marzo de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, salientou no Parlamento de Galicia o avance que está a experimentar a Cidade da Cultura de Galicia como centro cultural e do emprendemento de referencia. Neste sentido explicou que o complexo do Gaiás se está a converter nun verdadeiro impulsor das industrias, dos creadores e da cultura galega, tanto a través do seu completo programa cultural como dos espazos que contén dedicados á innovación e ao emprendemento.
Así mesmo lembrou que a Xunta de Galicia está traballando tamén para potenciar os valores da Cidade da Cultura como espazo natural e da cidadanía, ao tempo que se fortalecen as súas relacións ca cidade de Santiago a través do proxecto de humanización que se está a desenvolver. Unha iniciativa que inclúe melloras como o Bosque de Galicia, as sendas peonís para subir ao Gaiás, o Xardín Literario e as áreas de lecer para as familias, entre outros proxectos.
Programación
Respecto da actividade cultural, o conselleiro salientou que o Gaias acollerá este ano unhas 200 actividades culturais nas que está prevista a participación de arredor de 120.000 persoas.
Non en balde o programa expositivo do Museo Centro Gaiás iniciouse en 2016 coa mostra José Suárez. Uns ollos vivos que pensan, que se achegou aos 16.000 visitantes. Desde este mes de marzo e ata setembro, a Cidade da Cultura acolle a mostra ‘Con-fío en Galicia’, que foi xa visitada por máis de 5.300 persoas.
Ademais, en novembro instalarase a mostra conmemorativa do centenario do nacemento do Premio Nobel de Literatura Camilo José Cela, que se trasladará desde a Biblioteca Nacional (Madrid) ata o complexo do Gaiás
Internacionalización
De forma parella o Gaiás está a ser un centro de referencia a nivel internacional. De feito, este ano o complexo será de novo escenario de eventos de gran dimensión internacional, como o WOMEX 2016, a feira de ‘world music’ máis importante do mundo, que xa se desenvolveu neste mesmo espazo no 2014, cun resultado máis que satisfactorio.
A Cidade da Cultura será tamén sede en outono do Spin’16, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, que reunirá 2.000 persoas procedentes de 20 países diferentes e consolidará o Centro de Emprendemento do Gaiás como un dos espazos máis activos do norte de España na difusión da cultura emprendedora. O Spin será a principal actividade dun programa destinado a favorecer o emprendemento no que se estima que participarán 6.000 persoas.