Nova: A Biblioteca Pública da Coruña recupera nunha exposición o labor do intelectual Miguel González Garcés no centenario do seu nacemento

30/03/2016

A Biblioteca Pública da Coruña recupera nunha exposición o labor do intelectual Miguel González Garcés no centenario do seu nacemento

A mostra ofrece unha ampla visión da traxectoria do escritor, historiador e bibliotecario a través de 258 pezas, entre libros, caricaturas, pranchas de gravados, revistas, carteis e fotografías

Para o secretario xeral de Cultura, “a pegada de González Garcés quedou en Galicia a través do seu labor cultural e da súa tarefa literaria, que bebeu das diferentes artes e dunha idea moderna de cultura”

A Coruña, 30 de marzo de 2016.- A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés recupera o labor do escritor, historiador e bibliotecario que lle dá nome cunha exposición sobre a súa vida e obra no ano no que se cumpre o centenario do seu nacemento. A través de máis de 250 pezas, a mostra ofrece unha ampla visión da obra e da traxectoria profesional e vital do intelectual, entre as que se inclúen libros, folletos, revistas e separatas, recortes de prensa, carteis fotografías, planos, caricaturas e gravados.

“O centenario do nacemento de Miguel González Garcés é unha das efemérides que se celebran este ano arredor das datas destacadas vinculadas co libro e a literatura galega e non podía haber un lugar máis axeitado que marcase esta celebración que a biblioteca pública que leva o seu nome”, asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración da exposición, no que tamén interviron a filla do escritor, Laura González-Garcés Santiso, e a directora da biblioteca, María del Mar Lauroba.

Ao longo da súa historia, Galicia veu configurando o seu desenvolvemento cultural a partir das capacidades e do traballo xeneroso de persoas e colectivos, e “unha desas personalidades destacadas, que puxo o seu esforzo individual tamén nos proxectos culturais colectivos foi Miguel González Garcés: un coruñés dunha calidade humana extraordinaria, que desenvolveu as súas capacidades en distintos ámbitos da actividade intelectual”, dixo.

Unha idea moderna de cultura
Tamén afirmou o secretario xeral que “a pegada de González Garcés quedou na Coruña e en Galicia a través do seu labor cultural e da súa tarefa literaria, que bebeu das diferentes artes e dunha idea moderna de cultura como confluencia do conxunto dos ámbitos do saber e das artes”. “Gran parte da súa herdanza –engadiu– é ben coñecida e podemos vela nesta mostra que nos achega ao poeta, cunha pegada clara na produción lírica desde a aparición dos seus primeiros libros, ao estudoso da literatura galega, ao investigador da historia da súa cidade, ao mestre; e, naturalmente, ao director do servizo bibliotecario da Coruña que hoxe, con xustiza, leva o seu nome”.

Pezas destacadas
Entre as pezas que se poden ver na mostra, e que abordan as diferentes facetas de Miguel González Garcés, destacan un retrato do intelectual realizado polo pintor Collado en 1959, caricaturas orixinais realizadas por Cebreiro Luis Seoane e Siro López; diversas pranchas para os gravados dos libros ‘Isla de dos’ e ‘El cuervo en la ventana’; documentos autógrafos do escritor e fotografías familiares e con escritores como Álvaro, Cunqueiro, Manuel María ou Rafael Dieste, entre outras.

Panorámica das institucións culturais coruñesas
A documentación que se exhibe na mostra forma parte en gran medida dos fondos da Biblioteca Miguel González Garcés, pero tamén de préstamos familiares facilitados pola súa filla, Laura González-Garcés Santiso, que, ademais do valor para afondar na figura do autor, ofrecen unha panorámica das principais institucións académicas e culturais coruñesas ao longo de boa parte do século XX, como a Casa da Cultura, a Biblioteca e o Arquivo Municipal, e a Asociación Cultural Iberoamericana (ACI), entre outras. A exposición tamén conta coa colaboración de institucións como a Biblioteca de Galicia, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Municipal da Coruña e a Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.

Miguel González Garcés
Escritor, historiador, xornalista e bibliotecario, Miguel González Garcés naceu en xaneiro de 196 na Coruña, cidade á que estivo vencellado tanto profesional como afectivamente ao longo de toda a súa vida. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, e membro do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos, o poeta e escritor González Garcés (A Coruña, 1916-1989) levou a cabo un labor destacado en diversos ámbitos, especialmente no literario, no xornalístico e no da investigación histórica.

Director durante corenta anos da Biblioteca Pública do Estado na Coruña, que hoxe leva o seu nome, é autor de varios libros de poesía en castelán e en galego, dirixiu a revista ‘Nordés’ na súa primeira etapa e colaborou en diversas publicacións literarias, como ‘Atlántida’, da que foi un dos promotores. Tamén realizou numerosas colaboracións na prensa escrita como articulista e foi un grande investigador da súa cidade natal, sobre a que escribiu un destacado número de ensaios. A Deputación Provincial da Coruña creou en 1991 o Premio de Poesía Miguel González Garcés en homenaxe á súa figura.

Comparte