Nova: As Feiras do Libro de Galicia amplían o seu calendario a un total de 14 concellos
31/03/2016
As Feiras do Libro de Galicia amplían o seu calendario a un total de 14 concellos
As localidades do Porriño e de Redondela incorpóranse ao programa, que tamén percorrerá entre o 5 de abril e o 27 de agosto os municipios de Pontevedra, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Ribeira, Vigo, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte
De cara á proxección exterior, o sector editorial galego participará este ano nas feiras internacionais do libro de Buenos Aires, Boloña, Fráncfurt e Guadalaxara (México)
Santiago, 31 de marzo de 2016.- A Feiras do Libro Novo de Galicia amplían este ano o seu calendario cun total de 14 citas, dúas máis que en 2015. Os municipios pontevedreses do Porriño e de Redondela súmanse este ano a unha programación que tamén chegará, entre o vindeiro 5 de abril e o 27 de agosto, ás localidades de Pontevedra, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Ribeira, Vigo, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte.
As novidades editoriais volverán saír ás rúas dos concellos galegos para achegarlle á cidadanía o libro e a lectura, nun percorrido que as levará polas catro provincias galegas e que foi presentado esta mañá, xunto co calendario das feiras internacionais do libro deste ano, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola presidenta e polo vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Xosé Antón Pedreira, respectivamente; pola presidenta da Asociación Galega de Editores (AGE), Laura Rodríguez; e pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal.
Máis de 280 actividades na pasada edición
“A próxima semana, o martes 5 de abril, botará a andar o novo ciclo de feiras, que, ademais de contar coa produción editorial máis recente, volverá ofrecer unha completa programación para todos os públicos, coas que apostamos pola dinamización destes eventos de referencia”, explicou Anxo Lorenzo, quen recordou que en 2015 se superaron as 280 actividades nas 12 feiras do libro realizadas nas catro provincias.
As Feiras do Libro de Galicia celébranse nos meses de primavera e verán, con postos de venda de exemplares xestionados polos libreiros, e complétanse cunha extensa programación de actividades paralelas dirixidas a todas as idades, como charlas, encontros con autores, espectáculos infantís, presentacións de libros etc., que fan destes eventos unha cita de alto interese cultural.
Un percorrido por 14 concellos
Na cidade do Lérez, as Feiras do Libro de Galicia 2016 permanecerán ata o próximo día 10 de abril. A continuación, percorrerán o concello de Ferrol, do 20 ao 24 de abril; a capital de Galicia, do 30 de abril ao 8 de maio; o municipio do Porriño, onde se desenvolverán do 12 ao 15 de maio; a cidade de Lugo, entre o 17 de maio, Día das Letras de Galegas, e o 22 dese mes; o concello de Ourense, do 3 ao 8 de xuño; e a vila de Redondela, a partir do 16 de xuño e ata o 19 dese mes. Xa no verán, as Feiras do Libro de Galicia percorrerán os municipios de Ribeira, do 23 ao 26 de xuño; Vigo, do 1 ao 10 de xullo; e Rianxo, entre o 21 e o 24 de xullo; e pecharán a edición de 2016, no mes de agosto, na Coruña, desde o 1 ata o día 10; en Viveiro, do día 12 ao 15; en Foz, entre o 18 e o 21; e, finalmente, en Monforte, do día 24 ao 27.
As Feiras do Libro Antigo e de Ocasión
A programación de espazos na rúa para lle dar visibilidade ao libro e favorecer un achegamento doado á produción editorial galega complétase coas Feiras de Libro Antigo e de Ocasión, do mes de maio ao de setembro, que se organizarán nas cidades de Santiago (do 14 ao 29 de maio), Lugo (do 2 ao 17 de xullo), Vigo (do 23 de xullo ao 7 de agosto), A Coruña (do 14 ao 28 de agosto) e Ourense (do 3 ao 18 de setembro).
“Ademais de favorecer o comercio interior do libro –afirmou o secretario xeral de Cultura– desde a Xunta de Galicia apostamos por impulsar a proxección exterior do sector editorial coa participación nas principais feiras internacionais do libro”. Para facilitar esta promoción, difusión e intercambio literario en diferentes ámbitos xeográficos de Europa e América, a Consellería de Cultura e Educación promove a asistencia ás principais citas internacionais no ámbito editorial.
Buenos Aires, o eixo central da proxección exterior en 2016
Anxo Lorenzo recordou que o eixo central deste ano para a proxección exterior do sector será a Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que terá como cidade convidada, na súa cuadraxésima segunda edición, a capital de Galicia. “Esta semana presentabamos un avance da programación das preto de 150 actividades que desenvolveremos nesta feira, na que Galicia contará cun stand de 200 metros cadrados coordinado polo Goberno galego, no que tamén estarán representados o Concello de Santiago e mais a Asociación Galega de Editores”, dixo.
En coordinación coa AGE, déuselle prioridade este ano a un calendario no que Galicia Galicia e o seu sector editorial estarán representados, ademais de en Buenos Aires, do 21 abril ao 9 de maio, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, do 4 ao 7 deste mes de abril; na Feira Internacional do Libro de Fráncfurt, do 19 ao 23 de outubro; e mais na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, que se realizará a finais deste ano, do 26 de novembro ao 4 de decembro.
Nas feiras internacionais, as editoriais galegas contan cun stand institucional da Xunta de Galicia para a visibilidade das súas publicacións e imaxe, distribución de materiais promocionais, atención ao público, así como para o desenvolvemento de reunións que favorezan a actividade comercial das empresas do sector.