Nova: A Cidade da Cultura supera os dous millóns de visitas desde a súa apertura
01/04/2016
A Cidade da Cultura supera os dous millóns de visitas desde a súa apertura
O Gaiás acadou en 2015 a cifra récord de 479.418 visitas, o que supón un 45% máis que en 2011, ano de apertura ao público
Entre 2011 e 2015, o complexo rexistrou un incremento medio anual do 9,6%, tendencia especialmente chamativa xa que coincidiu cun contexto de baixada xeralizada nos hábitos de consumo cultural debido á crise
No primeiro trimestre deste ano recibíronse 129.046 visitas, un 19,3% máis que no mesmo período do ano pasado, o que confirma a tendencia positiva
Santiago, 1 de abril de 2016.- A Cidade da Cultura recibiu 2.090.479 visitas desde a súa apertura ao público en 2011. O número de visitantes ao Gaiás non deixou de medrar neste período de cinco anos. De feito, o ano pasado acadouse a cifra récord de 479.418 visitas, o que supón un 45% máis que no 2011, cando foi inaugurada polos entonces Príncipes de Asturias e hoxe Reis de España.
Os datos do primeiro trimestre deste ano confirman esta tendencia positiva. De xaneiro a marzo, a Cidade da Cultura recibiu 129.046 visitas, o que supón un 19,3 por cento máis que no mesmo periodo do ano pasado. A previsión de cara a este exercicio apoia este prognóstico debido á posta en marcha de novos espazos, como o Bosque de Galicia, o Xardín Literario ous as áreas de lecer infantís, así como á celebración de eventos como o Womex –a feira de ‘world music’ máis importante do mundo- ou o Spin –o maior evento de emprendemento universitario de América Latina-.
O incremento dun 45 por cento no número de visitantes vén explicado, entre outras razóns, polo aumento das actividades do programa cultural, máis de 200 ao ano, a posta en marcha do Centro de Emprendemento, así polos eventos organizados por empresas, institucións e colectivos no Gaiás, que se teñen triplicado nestes primeiros cinco anos de vida. Se en 2011 se acolleron 147 eventos deste tipo, o ano pasado pechouse coa cifra de 355, entre os que se atopan celebracións de referencia, como a entregada das Medallas de Galicia, a entrega dos Premios da Cultura ou a reunión dos directores do Instituto Cervantes, que contou coa presenza da Raíña.
O incremento constante de visitantes durante este período de cinco anos é especialmente chamativo ao coincidir cun período de crise no conxunto do Estado que tivo, entre outras consecuencias, unha baixada nas pautas de consumo cultural.