Nova: Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Elena Gallego, Anxos Sumai e Diego Ameixeiras incorpóranse ao portal web de Cultura para a proxección en inglés da literatura galega

15/07/2014

Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Elena Gallego, Anxos Sumai e Diego Ameixeiras incorpóranse ao portal web de Cultura para a proxección en inglés da literatura galega

O Portico of Galician Literature, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, inclúe un fragmento traducido das súas obras e información biográfica

  • Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Elena Gallego, Anxos Sumai e Diego Ameixeiras incorpóranse a este espazo en internet para a proxección exterior das letras galegas cun fragmento traducido das súas obras e información biográfica Rosa Aneiros, Xavier Queipo, Elena Gallego, Anxos Sumai e Diego Ameixeiras incorpóranse a este espazo en internet para a proxección exterior das letras galegas cun fragmento traducido das súas obras e información biográfica

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ampliar o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras. Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad incorporou ao Portico of Galician Literature (www.galicianliterature.com) unha mostra en inglés de obras de Diego Ameixeiras, de Rosa Aneiros, de Elena Gallego Abad, de Xavier Queipo e de Anxos Sumai.

Dime algo sucio, Ámote Leo A. Destino Xalundes, Dragal I: A herdanza do dragón, Papaventos e Así nacen as baleas son, respectivamente, os últimos títulos aos que se pode acceder desde este portal, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.

En 2013, o portal exterior da literatura galega tamén integrou fragmentos de obras de no¬vos escritores, co fin de ampliar o seu catálogo con extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés.

Un escaparate para a literatura galega no ámbito anglófono
Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, o portal tamén serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega publicados en inglés, entre os que se inclúen Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro; A lingua das bolboretas e O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas; Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas; ou Bestiario dos descontentos, de Miguel Anxo Murado.

O portal web, que tamén ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura, foi posto en marcha en 2012. O obxectivo desta iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura é converterse nun referente da literatura galega para o ámbito anglófono e, en xeral, para a proxección internacional das letras galegas.

Apoio á internacionalización do libro e da literatura
Para apoiar a internacionalización do libro e da literatura galega, a Consellería de Cultura e Educación tamén promove a colección en inglés Galician Classics, editada xunto con Small Station Press. O último volume publicado ao abeiro deste proxecto editorial, en 2013, foi Galician Songs, a primeira tradución completa ao inglés do poemario de Rosalía de Castro Cantares gallegos.

Outras das principais medidas facilitadoras da chegada da produción literaria galega ao exterior son o apoio á participación do sector editorial galego nas principais feiras internacionais do libro e a convocatoria de axudas á tradución, que contribúe, ao mesmo tempo, ao acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutras linguas.

Comparte