Nova: A pianista galega Andrea González debuta en Australia nunha xira enmarcada no bicentenario de Rosendo Salvado
01/04/2016
A pianista galega Andrea González debuta en Australia nunha xira enmarcada no bicentenario de Rosendo Salvado
Os concertos realízanse ao abeiro do programa de Acción Cultural Española para a proxección exterior e contan co apoio da Xunta de Galicia
Santiago, 1 de abril de 2016.- A pianista e investigadora galega Andrea González debuta en Australia cunha xira de concertos con ocasión do bicentenario do misioneiro, organista e compositor Rosendo Salvado. A conferencia-recital que ofreceu este venres na Australian National University –ANU School of Music incluíu obras de Rosendo Salvado e de Arthur Rubinstein.
O seu tour australiano, iniciado ao norte da cidade de Perth xunto co referente do rock Rosendo Mercado, enmárcase dentro do programa de proxección exterior de Acción Cultural Española (AC/E) e conta co apoio da Embaixada de España en Australia e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Andrea González, nacida en Tui en 1987, premiada en prestixiosos concursos internacionais de piano e con bolsas do Ministerio e das fundacións Segundo Gil Dávila e Barrié, desenvolveu un intenso traballo de investigación sobre a faceta musical de Rosendo Salvado (Tui, 1814 – Roma, 1900), coa recuperación das partituras manuscritas que se conservan no Arquivo da Catedral de Tui, que interpretou por vez primeira en escenarios de España, Italia e Cuba.
Foi a fundadora do festival IKFEM International Keyboard Festival & Masterclass Eurocity Tui- Valença, que actualmente dirixe e que se celebra no mes de xullo coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación.