Nova: Preséntanse as 47 partituras recuperadas de Reveriano Soutullo
01/04/2016
Preséntanse as 47 partituras recuperadas de Reveriano Soutullo
O secretario xeral de Cultura participou no acto promovido pola Fundación do compositor e considerou esta descuberta "de excepcional importancia para a recuperación e o estudo do seu legado”
Ponteareas (Pontevedra), 1 de abril de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, considerou a recente recuperación de 47 partituras de Reveriano Soutullo como un feito “de excepcional importancia para a recuperación e o estudo do seu legado”. Así o asegurou na rolda de prensa organizada hoxe en Ponteareas pola Fundación Reveriano Soutullo para dar a coñecer a transcendencia desta descuberta.
As obras foron atopadas no arquivo musical de Xavier Andrés Garrote Covelo, que inclúe fondos da extinguida banda histórica de Ortigueira. En total, as partituras de Soutullo das que se ten referencia neste arquivo ascenden a un total de 76. As preto de 50 obras recuperadas –46 de banda e unha de piano– son anteriores a 1915, polo que permiten afondar nos inicios compositivos de Soutullo.
O secretario xeral de Cultura referiuse a Soutullo como “un referente para a nosa historia musical” e destacou o seu papel de compositor como músico de banda no panorama español da época. Ademais, asegurou que “esta descuberta supón tamén un aliciente para que a Fundación siga traballando na recuperación de títulos que aínda están sen localizar”. Finalmente, fixo fincapé no interese e no valor histórico dos arquivos privados, principalmente os familiares, para a preservación da memoria.
Alejo Amoedo foi o encargado de explicar a importancia deste achado, nunha rolda de prensa na que tamén participaron a presidenta da Fundación Reveriano Soutullo, María Rosa Arija, o alcalde e a concelleira de Cultura de Ponteareas, Xosé Represas e Hortensia Bautista, respectivamente, Xavier Andrés Garrote e Javier Jurado, director da tese sobre Soutullo que está realizando Alejo Amoedo. Segundo informou a Fundación, aínda quedan por recuperar máis de 100 partituras do compositor.
Divulgación e recuperación do patrimonio musical
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén apoiando o labor da fundación Soutullo na divulgación da obra dun dos compositores galegos máis relevantes do seu tempo, unha época prolífera na música no conxunto do contexto español, no que Soutullo logrou facer o seu espazo e no que logrou situar tamén un repertorio propio con identidade galega.