Nova: Convocado o XIV Premio de Poesía Afundación

06/04/2016

Convocado o XIV Premio de Poesía Afundación

O prazo para a entrega de obras inéditas de máis de 600 versos en galego conclúe o próximo 30 de setembro de 2016

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2016.- O Premio de Poesía Afundación celebra este ano súa décimo cuarta edición para promover a creación literaria en lingua galega. Afundación, a Consellería de Cultura e Educación e mais o Centro PEN de Galicia convocan un ano máis este certame que ten como obxectivo recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.

Segundo as bases, ao certame poden concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos e o prazo para a entrega dos orixinais conclúe o próximo 30 de setembro. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

O xurado estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e como presidente actuará o titular do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre do ano.

Promover a creación literaria en galego
O certame conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio Narrativa Breve Repsol, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente, o Premio de Poesía Concello de Carral e o Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro, entre outros.

Traxectoria do premio
O galardón comezou a andar no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela e Miguel Anxo Fernán Vello, gañador da anterior convocatoria.

Comparte