Nova: Un programa cultural conmemorará ao longo de todo o ano o aniversario do pasamento de María Casares

06/04/2016

Un programa cultural conmemorará ao longo de todo o ano o aniversario do pasamento de María Casares

A Casa Museo Casares Quiroga da Coruña acollerá mañá un coloquio e será o escenario para un recital poético musical o día 13

As actividades, que se estenderán durante todo o ano, conmemoran o vixésimo aniversario do pasamento da intérprete galega, así como dos premios teatrais que levan o seu nome

  • O director da Agadic participa na presentación das actividades de difusión da figura de María Casares, organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia O director da Agadic participa na presentación das actividades de difusión da figura de María Casares, organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia
  • O director da Agadic participa na presentación das actividades de difusión da figura de María Casares, organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia O director da Agadic participa na presentación das actividades de difusión da figura de María Casares, organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia
  • O director da Agadic participa na presentación das actividades de difusión da figura de María Casares, organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia O director da Agadic participa na presentación das actividades de difusión da figura de María Casares, organizadas pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia

A Coruña, 6 de abril de 2016.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) presentou hoxe na Coruña un avance das actividades coas que está a homenaxear e a difundir a figura de María Casares como parte dun programa cultural paralelo aos premios teatrais que levan o seu nome. En calidade de entidade patrocinadora destes galardóns, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora tamén nas diferentes accións coas que se conmemora tanto o vixésimo aniversario do pasamento da intérprete coruñesa, como dos premios convocados pola AAAG.

Tras a gala de entrega dos María Casares celebrada a pasada semana, este programa complementario centrarase na Casa Museo Casares Quiroga, na que naceu e pasou parte da súa infancia a máis internacional das actrices galegas. As primeiras citas serán un coloquio e un recital poético-musical, que foron presentados hoxe polo concelleiro de Culturas, Coñecemento e Deporte da Coruña, José Manuel Sande; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín; e a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Mabel Rivera.

Na súa intervención, o director da Agadic agradeceu á AAAG o seu traballo de divulgación da vida e traxectoria artística de María Casares, aínda bastante descoñecida en Galicia, pero que trunfou internacionalmente como estrela do cinema francés da man dos máis vangardistas e aclamados directores da súa época. Segundo Sutil, a través deste conxunto de accións contribuirase a “comprender e valorar a transcendencia histórica de María Casares e a situala no lugar destacado que merece polo seu talento e relevancia”.

‘Voces dun retrato’ e ‘A poesía de María’
O coloquio ‘María Casares. Voces dun retrato’ terá lugar mañá xoves, ás 20.00 horas, na biblioteca da Casa Museo. Nel intervirán o historiador Emilio Grandío, a xornalista Arancha Estévez –autora da primeira biografía en galego da actriz– e a investigadora María Lopo, quen recompilou a correspondencia entre María Casares e o seu pai, o político republicano Santiago Casares Quiroga, no volume ‘Cartas no exilio’. Mabel Rivera presentará este foro, que moderará o xornalista e escritor Alberto Ramos e no que os participantes abordarán a figura de Casares tanto desde o punto de vista artístico como político e humano.

‘A poesía de María’ é o título do recital poético-musical que terá lugar o mércores 13 de abril, ás 20.00 horas, neste mesmo espazo. Baixo a dirección de Lino Braxe, as actrices Sabela Hermida, Rebeca Montero, Amalia Gómez e Manuela Varela recitarán, con acompañamento musical, unha escolma de poemas que marcaron a María Casares, quen cada 25 de xullo lía na radio francesa poesías que lembraban as súas orixes. Na selección deste recital atópanse versos de Luís Seoane, Rosalía de Castro, Curros, Lorca, Rafael Alberti, Yeats ou Rimbaud, entre outros.

Dentro deste mesmo programa de actividades, que se estenderá ao longo de todo o ano, o Centro Galego de Artes da Imaxe acolleu a semana pasada, con gran asistencia de público, unha mesa redonda e a proxección do filme 'Les enfants du paradise’, mentres que o programa ‘Diario Cultural’ da Radio Galega emitiu durante a semana do Día Internacional da Muller a lectura dramatizada das súas memorias, ‘Residente privilexiada’.

Comparte