Nova: Planifícase a creación dun itinerario cultural do Rexurdimento
07/04/2016
Planifícase a creación dun itinerario cultural do Rexurdimento
Cultura e concellos coordínanse tamén para conmemorar o centenario do pasamento de Eduardo Pondal en 2017
Santiago, 6 de abril de 2016.- Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, mantiveron unha reunión cos concellos de Ponteceso e de Celanova, así como con representantes das fundacións Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez, co obxectivo de planificar a creación dun itinerario cultural do Rexurdimento, nos municipios vinculados cos tres autores.
No encontro –que contou coa participación do alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros Enríquez, José Luis Ferro Iglesias; do alcalde de Ponteceso e presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García; do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; do xerente da Fundación Eduardo Pondal, José María Varela; e mais do secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro– tamén se avanzou na coordinación para conmemorar o vindeiro ano 2017 o centenario do pasamento do poeta Eduardo Pondal.
O obxectivo destas iniciativas é poñer en valor o patrimonio literario galego a través de actuacións coordinadas cos concellos que contan con fundacións e casas-museo dedicadas á difusión dos autores e autoras galegos.