Nova: Inícianse os trámites para a restauración da capela da Asunción da catedral de Ourense

08/04/2016

Inícianse os trámites para a restauración da capela da Asunción da catedral de Ourense

Cultura avanzou que as obras realizanse ao longo deste ano e que a reforma da instalación eléctrica e a da restauración das reixas da Capela Maior están en fase de redacción de proxecto

Ourense, 8 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou a catedral de San Martiño de Ourense, onde anunciou que xa se iniciaron os trámites administrativos referentes á restauración da Capela de Asunción deste templo, co obxectivo de que a obra se realice ao longo deste ano. Durante o seu percorrido pola catedral, o conselleiro estivo acompañado polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos; pola delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz; polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua.

Román Rodríguez explicou, ademais, que esta é só unha das obras que está previsto executar na catedral da cidade das Burgas. Neste sentido, sinalou que están xa en fase de redacción os proxectos correspondentes á reforma xeral do sistema eléctrico e de restauración das reixas da Capela Maior da catedral.

O orzamento destinado a estas tres obras ascende a case 340.000 euros.

Portada Norte
Así mesmo, indicou que xa está en fase de supervisión o novo proxecto para a restauración da Portada Norte e limpeza da fachada. Cómpre lembrar que, debido á complexidade da obra, a Consellería resolveu de mutuo acordo o contrato coa empresa ao que fora adxudicada previamente.

A Consellería optou agora por un proxecto interdisciplinar de arquitectura e restauración, que foi elaborado por un equipo de restauradores e de arquitectos. En canto se remate a supervisión do proxecto iniciarase unha nova licitación de obra.

Máis de 1,9 millóns de investimento
Coas previsións das obras en tramitación e a da Portada Norte, o investimento da Consellería de Cultura e Educación na catedral de San Martiño elevaríase a máis de 1,9 millóns de euros. Neste sentido cómpre lembrar que se contribuíu á restauración do órgano catedralicio, e que se realizaron obras de restauración das pinturas murais e retablo do muro sur do Nártex, do Pórtico do Paraíso, da pintura do muro norte do nártex, da Capela de San Xoán. Ademais, recentemente rematáronse as obras da segunda fase de reparación das cubertas deste templo da cidade das Burgas.

Así mesmo, o departamento dirixido por Román Rodríguez finalizou xa obras de acondicionamento do patio entre a nave e o edificio de cóengos e a restauración da decoración románica do templo, un dos elementos máis antigos deste templo, dun valor artístico e cultural, así como con máis atractivo para os visitantes.

Comparte