Nova: Novos investimentos para renovar a cuberta e a fachada da igrexa de San Paio de Diomondi

09/04/2016

Novos investimentos para renovar a cuberta e a fachada da igrexa de San Paio de Diomondi

A actuación neste BIC, que será licitada proximamente, súmase á realizada o ano pasado na fachada do pazo bispal, onde se levou a cabo unha reconstrución para garantir a seguridade estrutural do edificio e favorecer a súa posta en valor

Cultura destina a este monumento preto de 335.000 euros, asegurando así a súa conservación e facilitando as actividades de divulgación

O Saviñao (Lugo), 9 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa de San Paio de Diomondi, onde comprobou os resultados da intervención realizada na fachada do pazo bispal e anunciou unha nova actuación para garantir a conservación total deste conxunto monumental.

Deste xeito, a Consellería, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, investirá este ano arredor de 126.000 euros para renovar a cuberta da igrexa, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), e actuar na súa fachada. Un proxecto que xa está supervisado e para o que, nestes momentos, se iniciaron os trámites administrativos co fin de sacar a licitación proximamente. Os traballos, de catro meses de duración, executaranse este 2016.

O conselleiro -que estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua- explicou que se demolerá a cubrición existente de tella e o taboleiro de formigón para ser cambiada por unha cuberta de tella cerámica curva, protexida por unha lámina ondulada de fibrocemento.

Así mesmo, tamén se desmontarán os cangos en mal estado sobre os que se colocan as tellas para a súa posterior reposición con outros de idénticas características, melloraranse as condicións construtivas da espadana e realizarase un rexuntado da fachada principal e unha restauración da portada románica. Por último, procederase á eliminación das agarradoiras interiores de aceiro corrugado e á recuperación das carpinterías de madeira.

Reparación externa e acondicionamento do interior
Esta intervención súmase á levada a cabo o ano pasado, e actualmente finalizada, co fin de paliar o deterioro que sufría o edificio. Deste xeito, reconstruíuse a fachada do pazo bispal, parcialmente derrubada debido á acción da auga da choiva, á escasa calidade construtiva do muro e ao empuxe lateral da estrutura de cuberta sobre a coroación do muro.

Por todo isto, e tras unha primeira actuación de urxencia, acometéronse os traballos de reparación na fachada co obxectivo de, por un lado, garantir a seguridade estrutural do edificio e, por outra banda, adecuar o seu interior para permitir as visitas con fins divulgativos.

As diferentes actuacións consistiron na reconstrución do muro derrubado, garantindo a súa seguridade mediante a correcta execución do seu recheo; nunha resolución construtiva da coroación do muro para evitar que se produzan filtracións de auga; e nun revoco exterior con morteiro de cal. Ademais, tamén se fixeron modificacións sobre a estrutura da cuberta e o seu sistema de apoio, reparouse o material de cubrición, actuouse sobre as estruturas horizontais interiores e os forxados para facilitar as visitas divulgativas ao edificio, e substituíronse as carpinterías de madeira dos ocos das ventás.

A Consellería destinou a esta intervención un total de 208.209 euros, un investimento que, sumado ao previsto para este ano, ascenderá a preto de 335.000 euros só neste conxunto. Trátase, por tanto, dun importante esforzo orzamentario encamiñado a garantir ao máximo a conservación do ben e favorecer a súa posta en valor por parte do Bispado de Lugo.

Comparte