Nova: Amplíase ata 35 prazas a convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía

13/04/2016

Amplíase ata 35 prazas a convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía

Con este programa, Cultura reforza a preparación teórica e práctica de profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía este ano a convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía ata as 35 prazas, catro máis que no pasado 2015.

A nova edición deste programa promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, ten como obxectivo principal completar con maior coñecemento e experiencia a preparación dos bolseiros mediante o contacto directo e guiado co desenvolvemento dos servizos bibliotecarios e cos propios usuarios e usuarias das bibliotecas.

Para a adxudicación das prazas, destinadas a persoas con titulación universitaria de licenciatura ou diplomatura en biblioteconomía ou documentación; grao en información e documentación; licenciatura ou grao en historia ou xeografía e historia, filoloxía ou lingua e literatura, ciencias da cultura e difusión cultural e humanidades, a comisión de avaliación terá en conta a titulación e o expediente académico, así como a formación complementaria do solicitante. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de maio.

As bolsas terán unha duración máxima total de sete meses e as persoas beneficiarias recibirán a súa formación na Biblioteca de Galicia, na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel e na Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central), baixo a coordinación de persoal técnico.

As bases da convocatoria están accesibles en http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160413/AnuncioG0164-300316-0004_gl.html

Reforzar a formación do persoal bibliotecario
Esta nova convocatoria de bolsas, que conta cun investimento de 215.600 euros, enmárcase nos programas que ao longo do ano realiza a Secretaría Xeral de Cultura para a reforzar a cualificación técnica e a formación dos profesionais da Rede de Bibliotecas de Galicia. Con este obxectivo de potenciar a formación permanente do persoal bibliotecario, o departamento tamén organiza cursos –en colaboración da Escola Galega de Administración Pública e do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte– en materia de bibliotecas, dinamización da lectura ou tecnoloxías da información, aos que asistiron en 2015 máis de 180 técnicos.

Comparte