Nova: Preséntase o VI volume do Atlas Lingüístico de Galicia

13/04/2016

Preséntase o VI volume do Atlas Lingüístico de Galicia

A obra, coordinada polo profesor Francisco Fernández Rei, mostra en 272 mapas a riqueza e distribución do léxico galego relativo á terra, ás plantas e ás árbores

 

  • Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez
  • Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez
  • Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez
  • Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez

Santiago, 13 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou esta mañá o volume VI “Terra, plantas e árbores” do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) na sede do Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O conselleiro cualificou o ALGa, que desenvolve o ILG co financiamento do departamento de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, como “unha das obras máis relevantes da lingüística galega contemporánea” e resaltou a súa repercusión tanto no terreo científico como no da normalización lingüística. Ademais, agradeceulles a súa contribución ao VI volume do Atlas tanto aos investigadores que colaboraron nel coma aos informantes que forneceron os datos, a quen lles desexou que “ se beneficien -e se non eles, os seus fillos e netos- deste traballo e da dignificación que para unha lingua supón o ser investigada e aparecer en publicacións especializadas”.

Acompañaron a Román Rodríguez na presentación deste VI volume do ALGa Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Juan Manuel Viaño Rey, reitor da USC; Ernesto González Seoane, director do ILG; Francisco Fernández Rey, coordinador do volume, e José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, coeditora deste sexto tomo xunto coa USC.
 

Terra, plantas e árbores no Atlas Lingüístico Galego
O volume VI do ALGa, “Terra, plantas e árbores” ten unha primeira parte, integrada por 116 mapas, dedicado á terra como espazo físico non alterado polo ser humano. A segunda parte mostra en 204 mapas a distribución xeográfica das diferentes denominacións para plantas silvestres, arbustos, árbores froiteiras e froitos. A súa gran novidade formal atópase no fondo do mapa, onde se marca o relevo do territorio lingüístico.

Coordinado polo profesor Francisco Fernández Rei e coeditado pola USC e a Fundación Barrié, o volume presentado hoxe forma parte do proxecto de investigación Atlas Lingüístico Galego do ILG da USC que se desenvolve actualmente co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O proxecto iniciouse nos comezos da década dos 70 da man dos seus directores Constantino García González e Antón Santamarina Fernández cos obxectivos de afondar nas características da lingua galega moderna e mostrar a súa riqueza oral, así como de dar a coñecer a personalidade do galego -daquela un gran descoñecido para a romanística- entre as linguas ibéricas, románicas e europeas.
Os datos tomados durante o traballo de campo que se realizou nos anos 70 empregáronse na redacción de propostas de codificación da lingua galega (sobre todo morfolóxicas e léxicas) anos antes de que, en 1990, se editase o volume I “Morfoloxía verbal”. Tras el viñeron o II “Morfoloxía non verbal” (1995) e o III “Fonética” (1999). A publicación de material léxico iniciouse no ano 2003 co volume IV, “Tempo atmosférico”, e continuou co volume V “O ser humano”. Actualmente están en preparación os volumes VII “O ser humano” (II), VIII “Agricultura” (I) e IX “Fauna” e están proxectados outros tres máis cos que se completará a serie léxica do ALGa.
 

Apoio á investigación en lingua galega
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten asignadas, entre outras funcións, a de promover, coordinar e desenvolver a política de investigación que favoreza a normalización lingüística nas súas diferentes manifestacións, especialmente no eido do léxico e da terminoloxía. Cumpre este mandato tanto a través do seu propio centro de investigación, o Ramón Piñeiro, como mediante os convenios asinados con diferentes institucións, como a USC ou a Real Academia Galega.

O convenio coa Universidade de Santiago de Compostela permítelle ao ILG -referente de recoñecido prestixio na investigación científica sobre a lingua galega desde o ano 1971- desenvolver, ademais do ALGa, proxectos como a Colección Diplomática de Documentos Galegos Medievais, o Corpus Romance da Galicia Medieval, o Arquivo do Galego Oral, o Inventario Toponímico da Galicia Medieval e o Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega.
 

Comparte