Nova: As artes e as emocicións, protagonistas do primeiro Boletín do Museo de Belas Artes da Coruña
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/04/2016
As artes e as emocicións, protagonistas do primeiro Boletín do Museo de Belas Artes da Coruña
O secretario xeral de Cultura referiuse a esta publicación como unha valiosa canle para divulgar o resultado das actividades e das investigacións do centro, así como unha ferramenta de utilidade para a comunidade educativa e o ámbito da cultura
A Coruña, 14 de abril de 2016.- O Museo de Belas Artes inicia unha nova etapa na súa actividade coa posta en marcha dun boletín, “unha valiosa canle para divulgar periodicamente o resultado das actividades e das investigacións, así como unha ferramenta de utilidade para a comunidade educativa e o ámbito da cultura en xeral”. Así definiu a publicación o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que presentou hoxe o primeiro volume xunto coa directora do museo, Ángeles Penas, e co director da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en Galicia, Domingo Bello.
Con este proxecto iníciase “unha nova etapa para o museo de Belas Artes, no que o seu equipo se propón traballar e responsabilizarse para facer deste boletín unha publicación de referencia, movido pola vontade de manter unha excelencia e un nivel intelectual, e asumindo o compromiso de orientala de acordo coas directrices que actualmente definen a calidade da xestión editorial e os contidos das revistas académicas”, dixo o secretario xeral.
Arte e emocións
O primeiro número deste boletín preséntase en forma de monográfico, baixo o título ‘Arte e emocións’, no que se recollen as conferencias presentadas con motivo dunhas xornadas celebradas o pasado outubro de 2014 no museo, organizadas en colaboración coa UIMP, e dedicado ao tema das emocións, unha cuestión que parece estar de plena actualidade, como o demostran os abundantes estudos, publicacións e foros de debate que se veñen desenvolvendo ao respecto desta temática.
A publicación está dirixida a historiadores da arte, artistas, arquitectos, especialistas en estética, investigadores e profesionais relacionados coa historia, a práctica e a teoría das artes, así como tamén a todos aqueles públicos interesados en coñecer e afondar sobre os fondos do museo, a súa actividade e as súas funcións, terá unha importante repercusión en todos os ámbitos do coñecemento.