Nova: Comeza no Centro de Emprendemento do Gaiás o Taller de análise de obra para fomentar a creatividade colaborativa dos artistas

15/04/2016

Comeza no Centro de Emprendemento do Gaiás o Taller de análise de obra para fomentar a creatividade colaborativa dos artistas

A firma Offmusem, presente no Coworking do Gaiás, e 7H Cooperativa Cultura, do Viveiro Gaiás, poñen en marcha este programa co que fomentar a creatividade e aprendizaxe dos artistas nun ambiente colaborativo

En cada sesión, os participantes darán a coñecer o seu traballo a outros axentes do sector na busca dun debate crítico e construtivo e contarán cun convidado especial, que exporá as dificultades e desafíos vividos ao longo da súa obra
 

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2016.- O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura de Galicia segue a promover a colaboración entre os coworkers e firmas presentes no complexo do Gaiás con iniciativas que fomentan a creatividade como o ‘Taller de Análise de Obra’, que arranca mañá no Salón Teatro.

O ‘Taller de Análise de Obra’ é un proxecto conxunto entre Offmuseum, firma dedicada á cultura outdoor e presente no Coworking Gaiás, xunto con 7H Cooperativa Cultural, cooperativa de traballo asociado e sen ánimo de lucro vencellada ao ámbito das industrias culturais, creativas e artísticas de Galicia con sede no Viveiro do Gaiás.

Con esta iniciativa, Offmuseum e 7HCoop convida a artistas e axentes culturais a participar nun espazo de confrontación e aprendizaxe do propio traballo a través da ollada crítica e construtiva doutros creadores. “O Taller de Análise procura atender a necesidade de maduración e acompañamento do artista post­academia e post­emerxencia, onde poder presentar, nun espazo de intimidade profesional, os traballos e procesos que desexe madurar, contrastar e analizar”, segundo aseguran os organizadores.

Así, todos os participantes seleccionados terán que presentar ao resto do grupo un histórico da súa obra, un balance do camiño percorrido e un punto de situación de onde está. Participantes, coordinadores, artistas, comisarios e axentes culturais convidados contribuirán a comparar e destacar aqueles aspectos que poidan enriquecer o traballo do artista.

Ao longo do ano, unha mañá de sábado ao mes, reuniranse todos eles para a presentación e análise do traballo de 2 dos artistas participantes. Cada persoa convocada dispón de 40 minutos, aos que seguirán a análise e debate do traballo exposto. Cada sesión rematará cun pequeno relatorio dun artista ou comisario/a invitado sobre as dificultades e desafíos vividos ao longo da súa obra.

Responsables da Neomudéjar, convidados
A primeira sesión terá lugar este sábado, 16 de abril, no Salón Teatro de Santiago e contará como convidados aos galegos Néstor Prieto e Francisco Brives, responsables da Neomudéjar, un centro de artes, experimentación e creatividade que aposta por rescatar espazos en desuso para xestionalos con usos culturais de calidade.

As seguintes sesións contarán con figuras como o comisario e crítico de arte Martí Manen, a artista visual e axitadora cultural María Sánchez García ‘Pimiena Sánchez’, o artista e responsable da web megafone.net, Antoni Abad; o deseñador gráfico, fotógrafo e pedagogo da imaxe América Sánchez; a fotógrafa Angelica Dass; os responsables do proxecto de investigación artística Mugatxoan, Ion Muduate e Branca Calvo; ou os responsables da compañía de teatro Mal Voadora, Jorge Andrade e José Capela.

Aínda que a iniciativa comeza mañá dispón aínda das últimas prazas, puidendo incorporarse ao taller na sesión do vindeiro mes de maio. Os que así o desexen deben enviar un correo electrónico á dirección tallerdeanalise@7hcoop.es cos datos persoais (nome, dni, teléfono, mail, dirección de contacto), CV+Dossier e unha carta de motivación de participación no taller (máximo 2000 caracteres).

Promoción de sinerxías e alianzas
Esta iniciativa de Offmuseum e 7HCoop é unha das últimas colaboracións da establecidas entre os integrantes do Centro de Emprendemento do Gaiás, que desde a súa posta en marcha en 2012 vén promovendo as alianzas e sinerxías entre os seus membros. Así, cabe destacar o traballo conxunto entre Castelao Abogados e Iuni ou Lartes, as tres presentes no Coworking, en materia de dereitos de autor e propiedade intelectual; ou de Iuni e Reverso en materia de formación e fomento do emprendemento.

Comparte