Nova: As salas Ártika, Ensalle, Gurugú, Teatro del Andamio e Ingrávida reciben subvencións da Agadic para as súas programacións
15/04/2016
As salas Ártika, Ensalle, Gurugú, Teatro del Andamio e Ingrávida reciben subvencións da Agadic para as súas programacións
Esta liña de axudas conta cunha dotación total de 70.000 euros para promover a actividade de exhibición escénica desenvolvida en locais de xestión privada
O apoio a este tipo de espazos compleméntase coa carteleira da Rede Galega de Salas, que neste primeiro semestre ofrece unha carteleira de 58 actuacións financiada por Cultura
Santiago, 15 de abril de 2016.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu a concesión dun total de 70.000 euros en axudas a cinco salas privadas de exhibición escénica a través da convocatoria de subvencións para este tipo de espazos. O obxectivo é fomentar a estabilidade e a consolidación en Galicia das salas de artes escénicas de titularidade privada que desenvolven programacións artísticas de carácter profesional.
Os cinco espazos subvencionados en 2016 son o Teatro Ensalle de Vigo, con 22.561,17 euros; Teatro del Andamio da Coruña, con 18.812,69 euros; Sala Teatro Ártika de Vigo, con 16.683,84 euros; Sala Gurugú da Coruña, con 6.069,37 euros; e Ingrávida do Porriño, con 5.872,93 euros. Con estas contías, a Xunta de Galicia contribúe ao mantemento da carteleira escénica anual destes cinco espazos, todos eles cunha capacidade máxima de 250 localidades.
Criterios de valoración
Entre os criterios que se tiveron en conta na adxudicación destas subvencións, valoráronse a antigüidade das empresas xestoras, a súa pertenza á Rede Galega de Salas, o número de funcións en cartel (excluídas as programadas a través da devandita rede), o número de días con actividade aberta ao público, o desenvolvemento de programas complementarios de fomento de novos creadores, a formación ou colaboración con centros de ensino, o plan de comunicación e xestión de públicos e os recursos humanos implicados.
Ademais desta liña de subvención, a Xunta contribúe ao funcionamento das salas privadas de artes escénicas a través da Rede Galega de Salas, circuíto que integran catro dos espazos subvencionados este ano (Teatro Ensalle, Teatro del Andamio, Sala Gurugú e Ingrávida) xunto á Fundación SGAE en Santiago de Compostela. Esta rede, financiada integramente pola Agadic, ofrece durante este primeiro semestre de 2016 un total de 58 representacións escénicas a cargo de 28 compañías.