Nova: O cineasta Charles Burnett presenta na Coruña o ciclo que lle dedica o CGAI

18/04/2016

O cineasta Charles Burnett presenta na Coruña o ciclo que lle dedica o CGAI

A filmoteca galega ofrecerá, en colaboración con Play-doc, ata catro filmes deste autor de culto, considerado un dos mellores directores afroamericanos do cinema estadounidense

O programa arranca coa súa ópera prima, ‘Killer of Sheep’, e inclúe ‘My Brother’s Wedding’ e ‘To Sleep With Anger’, ademais da curta ‘When it Rains’

A Coruña, 18 de abril de 2016.- O cineasta de culto Charles Burnett, considerado un dos mellores directores afroamericanos da historia do cinema estadounidense, visitará o martes día 19 a sede do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña para presentar o ciclo de catro películas que a filmoteca lle dedica en colaboración co Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui.

Este encontro incluirá un coloquio co público e a proxección da súa ópera prima, ‘Killer of Sheep’ (1977), na que Burnett recolle a vida da clase obreira de Watts, barrio do sur dos Ánxeles onde se criou. Os valores artísticos e históricos deste retrato, definido polos especialistas como “neorrealismo americano”, foron tidos en conta á hora de incluír o filme entre as fitas merecedoras de se preservar na Biblioteca Nacional do Congreso dos Estados Unidos. Esta primeira sesión, que dará comezo ás 20.30 horas, é de entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Cronista do seu tempo
O ciclo continuará o mércores 20 cun programa dobre (18.00 e 20.30 horas), no que se exhibirá ‘My Brother’s Wedding’ (1983) xunto á curtametraxe ‘When it Rains (1995). O primeiro destes títulos é un excelente exemplo da habilidade e ironía de Charles Burnett como cronista do seu tempo e da súa comunidade, que neste caso recolle o choque entre clases sociais. Pola súa banda, ‘When it Rains’ é un drama social protagonizado por un músico que, a través de historias persoais e reflexións, vai afondando na relación entre o blues e o jazz.

O ciclo especial que a filmoteca da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle dedica a Charles Burnett, quen vén de ser un dos protagonistas da duodécima edición do Play-Doc, rematará o xoves 21, ás 20.30 horas, con ‘To Sleep with Anger’ (1990). Esta película, pola que foi galardoado en Sundance e obtivo catro premios Spirit do cinema independente, aborda a tradición do folclore do sur de Estados Unidos cunha sobresaínte interpretación de Danny Glover.

Consultade todas as fitas na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte