Nova: Cinco editoriais galegas participan nas xornadas profesionais da Feira do Libro de Buenos Aires

19/04/2016

Cinco editoriais galegas participan nas xornadas profesionais da Feira do Libro de Buenos Aires

Cultura apoia a presenza da industria do libro nestes encontros, nos que Galicia estará representada por Galaxia, Alvarellos, KNS, Nova Galicia Edicións e Hércules

Trátase de reunións comerciais nas que se fomenta o intercambio entre todos os protagonistas da cadea de valor do libro como industria cultural

Exhibiranse un total 1.462 obras galegas e haberá máis de 2.500 libros á venda

Santiago, 19 de abril de 2016.- Un total de cinco editoriais galegas participarán, desde hoxe e ata este xoves, nas Xornadas Profesionais que se organizan ao abeiro da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, na que Santiago de Compostela asiste como cidade convidada. En concreto, nestas reunións comerciais, previas á apertura ao público da feira, estarán presentes Galaxia, Alvarellos, KNS, Nova Galicia Edicións e Hércules de Edicións.

Trátase do maior encontro da industria editorial en América do Sur, no que participan editores, libreiros, distribuidores, ilustradores, axentes literarios, tradutores, bibliotecarios, representantes da industria gráfica e todos os protagonistas da cadea de valor do libro como industria cultural.

A Consellería de Cultura e Educación apoia a presenza galega nestas xornadas, tendo en conta que funcionan como un verdadeiro escaparate non só para dar a coñecer o potencial da industria do libro galego, senón tamén para reforzar os vínculos e establecer novos lazos comerciais entre os diferentes actores da cadea.

Máis de 12.000 participantes cada ano
Este cumio do negocio editorial está auspiciado pola Fundación El Libro, que estimula os contactos comerciais organizando reunións de negocios coa presenza de editores, bibliotecarios e libreiros de todo o mundo. Deste xeito, cada ano, máis de 12.000 actores do mundo editorial participan nas Xornadas Profesionais, nun espazo privilexiado de intercambio entre todos os membros da industria e no que conflúe unha importante presenza das linguas do espazo lusófono.

Ademais, as Xornadas ofrecen alternativas de formación e desenvolvemento profesional para os distintos actores do sector, a cargo de destacados especialistas nacionais e internacionais .

Participación da AGE e da Federación de Librarías 
Así mesmo, e máis alá destas xornadas profesionais, a Asociación Galega de Editores (AGE) ofrecerá o próximo venres unha conferencia sobre a industria editorial galega, unha análise que realizarán Laura Rodríguez, Henrique Alvarellos e Benigno Paz.

Pola súa banda, tamén se desprazará ata a feira unha representación da Federación de Librarías de Galicia, co fin de coñecer os modelos de traballo do sector na capital arxentina. De feito, esta delegación participará nas xornadas técnicas de animación da lectura, organizadas pola Fundación El Libro, e desenvolverá unha presentación das actividades no stand de Galicia.

Cómpre resaltar que, ademais das editoriais con presenza comercial, no stand galego, -situado na feira nun espazo central de 200 metros cadrados- estarán representadas unha vintena de editoriais, así como diferentes institucións e organismos vinculados coa cultura galega. En concreto, exhibiranse un total de 1.462 obras galegas e haberá máis de 2.500 libros á venda, cuxa xestión se fará a través da Asociación Galega de Editores.

A creación galega, en primeiro plano
Cómpre lembrar que a 42ª Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que se inaugurará oficialmente este xoves e desenvolverá un traballo continuo ata o 9 de maio, constitúe unha moi boa oportunidade para poñer en primeiro plano, nun espazo de primeira orde para a cultura e a industria editorial en América, a creación literaria galega actual e do libro galego. 

Libro Galego Buenos Aires 16
Máis información sobre o Libro Galego Buenos Aires 16 no portal cultura.gal  e a través das redes sociais de Facebook na conta de Librogalegobaires16 en Twitter ( @LibroGalegoBA16 )

Comparte