Nova: Galicia e América Latina estreitan lazos no eido cultural
20/04/2016
Galicia e América Latina estreitan lazos no eido cultural
Co gallo da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, o conselleiro de Cultura e Educación e o ministro do ramo da Nación Arxentina mantiveron unha reunión
Buenos Aires (Arxentina), 20 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o ministro de Cultura da Nación Arxentina, Pablo Avelluto, mantiveron un encontro no marco da xornada na que comeza a 42ª edición da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (FILBA), na que a capital galega é cidade convidada. Neste encontro o conselleiro convidou ao ministro a facer o Camiño de Santiago e a empregar a Cidade da Cultura de Galicia como plataforma para divulgar a cultura arxentina.
Nesta reunión conselleiro e ministro lembraron a frutífera relación entre o país suramericano e Galicia e, especialmente, a oportunidade que a capital porteña supuxo para o desenvolvemento da cultura galega de mediados do século pasado desde o exilio, onde medraron os talentos de figuras referentes como o recentemente finado Xosé Neira Vilas, Castelao, ou Luís Seoane, entre outros grandes nomes da nosa cultura.
Nos últimos anos a colaboración con Arxentina vense desenvolvendo tanto a través da nutrida participación de Galicia nas máis de corenta edición da FILBA como na presenza, apoiada pola Consellería de Cultura e Educación, das industrias culturais galegas en citas como (Mercado de Industrias Culturais Arxentinas (MICA). De feito, sete empresas dos sectores do cine, escena, videoxogos, e produción e xestión cultural participaron en 2015 neste mercado, para o que é necesario estar convidado polo Goberno arxentino. Así mesmo Galicia conta desde hai anos con representación no Mercado de las Industrias Culturales del Sur (MICSUR), e mesmo acolleu en 2013 o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica), no que participan centos de axentes culturais chegados desde diferentes puntos de España, Arxentina e Portugal.
No encontro desenvolvido hoxe Román Rodríguez e Pablo Avelluto comprometéronse a manter e intensificar estas relacións, e estreitar lazos aproveitando a oportunidade que o protagonismo de Santiago de Compostela neste edición da FILBA supón como escaparate da cultura galega, tanto no eido do libro como do audiovisual, entre outras manifestacións. Así mesmo ambos coincidiron na importancia que neste labor teñen tanto a propia colectividade galega en Arxentina como institucións e entidades culturais como a Sociedade Argentina de Escritores, a Academia Argentina de Letras ou o Instituto Argentino de Cultura Gallega, en permanente contacto co sector literario da nosa terra.