Nova: A cultura galega espállase pola capital porteña a través da programación da Feira do Libro de Buenos Aires
22/04/2016
A cultura galega espállase pola capital porteña a través da programación da Feira do Libro de Buenos Aires
O conselleiro de Cultura iniciou con Ledicia Costas as actividades que se desenvolverán, no marco deste evento, no Instituto Arxentino- Galego Santiago Apóstol
Os centros culturais e da colectividade galega, librerías, bibliotecas e universidades acollerán tamén actos neste contexto
Bos Aires (Arxentina), 22 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a escritora Ledicia Costas abriron hoxe as actividades programadas para difundir a literatura e a cultura galegas no marco da 42ª edición da Feira do Libro de Buenos Aires, que ten a Santiago de Compostela como cidade convidada. A escritora viguesa -Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015- iniciou a actividade 'Diálogos con estudiantes’, na que tamén participarán os autores Manuel Rivas, Yolanda Castaño, Jorge Mira, Xesús Alonso Montero e Elena Gallego, co fin de compartir lecturas e conversas co alumnado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol.
Domingo Villar, Xavier Queipo, María Solar, Miguel Anxo Fernán Vello, Pedro Feijoo, Ledicia Costas, Xaquín del Valle-Inclán, Diego Ameixeiras, Cesáreo Sánchez, Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Xavier Alcalá, Luís G. Tosar, Clara Gayo, Antón Lopo, Benigno Campos, Teresa Moure e José Edelstein completan os autores e autoras que participarán nos coloquios, recitais poéticos, conferencias, presentacións de obras e encontros cos lectores que se realizarán do 21 de abril ao 9 de maio no recinto feiral de La Rural.
Encontro coa delegación arxentina da Fundación Galicia América
O conselleiro mantivo,a demais, un encontro coa delegación arxentina da Fundación Galicia América, unha reunión na que participaron o vicepresidente da devandita fundación, Manuel Peleteiro Pérez, Manuel Reinoso Sobral, Ramón Copa Darriba, Fernando López Pereira e Alicia García de Liutvinas.
Participación da colectividade galega
Ademais, as actividades da delegación galega nesta 42ª edición da feira desenvolveranse en diferentes espazos emblemáticos bonaerenses. Deste xeito, a Federación de Asociaciones Gallegas de Argentina acollerá a conferencia da escritora Teresa Moure ‘La literatura gallega como producto cultural contra-poder’; a presentación do libro ‘O tempo das mareas. María Casares e Galicia’, da man de Ramón Villares e Xesús Alonso Montero; unha homenaxe a Lorenzo Varela no seu centenario e a conferencia de Miguel Anxo Fernán Vello ‘Voces Gallegas’.
Coincidindo co protagonismo da literatura e do libro galego, a capital arxentina tamén organiza nesta fin de semana o encontro ‘Buenos Aires celebra Galicia. Nuestra cultura’, organizado polo Goberno da cidade e que se desenvolverá na avenida de Mayo, entre Bolívar e Chacabuco.
Os centros da colectividade galega na capital porteña serán tamén protagonistas na programación cultural galega. Así, no Centro Galicia presentarase o libro e audiovisual parello da obra de Fina Casalderrey ‘Dúas letras', a obra ‘Eliseo Pulpeiro: As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e Río da Prata)’, inaugurarase a exposición ‘Galicia imaginada en las revistas de la emigración’ e desenvolverase o espectáculo musical para familias ‘O viravai'; mentres que o Teatro Castelao do Centro Gallego acollerá unha homenaxe a Valle-Inclán e un festival de poesía, música e baile organizado para a ocasión. Tamén serán escenario de diferentes actividades o Centro Lalín, Agolada e Silleda de Galicia, a Ribadumia Casa Gallega de Cultura en Buenos Aires, a Sociedade Parroquial de Vedra de Mutualidad y Cultura e a Asociación Centro Partido do Carballiño, que contarán coa participación de Benigno Campos.
Actividade nos centros culturais
O Centro Cultural Matienzo albergará lecturas e mesmo performances poéticas de autores participantes como Teresa Moure, Clara Gayo ou Antón Lopo, no marco do ciclo Compostela Colateral, así como unha charla sobre novela negra con Diego Ameixeiras e Kike Ferrari. Pola súa banda El Cultural San Martín acollerá a exposición ‘Otros verbos, nuevas lecturas: Valle inclán traducido (1906-1936)’, Usina del Arte a mostra ‘Blanco Amor. La mirada y el deseo’, e o Roberto Arlt será o centro cultural no que se desenvolva o coloquio ‘La revista Correo Literario (1943-1945) y su repercusión en las letras argentinas’, no que participarán Xesús Alonso Montero e Roberto Alifano, e que será presentado por Alejandro Vaccaro.
Pola súa banda, a libraría Eterna Cadencia será o escenario da presentación do 'Mapa literario de Compostela’, dentro do ciclo Compostela Colateral; e as bibliotecas Guido y Spano e Casa de la Lectura acollerán os encontros con lectores dos autores e autoras Fina Casaderrey e Ledicia Costas no primeiro caso, e de Domingo Villar e Diego Ameixeiras no segundo destes espazos.
Colaboración coa universidade e a Academia Argentina de Letras
A Universidad de Ciencias Empresariales y Sociales (UCES) cede tamén parte das súas instalacións para a celebración das accións previstas no programa galego da Feira do Libro, acollendo a exposición ‘Camilo José Cela en su centenario’; mentres que a facultade de Filosofía e Letras da Universidad de Buenos Aires será o lugar no que se desenvolva o encontro de escritores e intelectuales ‘La literatura gallega hoy’, que contará coa participación de Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Victor F. Freixanes, Luís González Tosar, Graciela Morgade, José Luis Moure, Graciana Vázquez Villanueva e Ramón Villares.
A Academia Argentina de Letras tamén se suma á programación galega coa entrega do concurso literario 'Galicia entre nosotros', organizado coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o xoves 28 de abril. Ese mesmo día tamén terá lugar o acto literario de ingreso nesta institución de Luís González Tosar.
Máis información sobre a Feira do Libro de Bos Aires no enderezo web http://www.cultura.gal/librogalegobaires16, e a través das redes sociais de Facebook na conta de Librogalegobaires16 e en Twitter (@LibroGalegoBA16)