Nova: Nexos celebra o 4º centenario da morte de Cervantes e Shakespeare
23/04/2016
Nexos celebra o 4º centenario da morte de Cervantes e Shakespeare
O escritor e xornalista Ignacio Vidal-Folch foi o encargado de sinalar os paralelismos e as diferenzas entre estas dúas figuras cumio das letras
A vindeira sesión, que terá lugar o 28 de maio, está dedicada ao turismo e estará protagonizada por Lluís Bonet e o teatro cómico de Mofa e Befa
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2016.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebrou esta mañá o cuarto centenario da morte de Miguel de Cervantes e William Shakespeare da man do xornalista e escritor Ignacio Vidal-Folch nunha nova sesión do ciclo de cultura contemporánea ‘Nexos’ do Gaiás.
O escritor e xornalista Ignacio Vidal-Folch foi o encargado de abordar esta efeméride tan sinalada, sinalando os paralelismos entre as vidas das dúas figuras, cumios das letras en lingua española e inglesa. O relatorio de Vidal-Folch tentou tamén, evidenciar as súas diferenzas, mergullándose nas súas vidas cotiáns, na súa reputación social, na súa circunstancia persoal e, todo iso, situado no contexto intelectual e político da época.
Tras o relatorio de Vidal-Folch, a sesión completouse coa actuación ‘Músicas arredor de Cervantes e Shakespeare’ do Grupo 1500 de Música Antiga, que interpretaron pezas vocais e instrumentais recollidas directamente da obra de ambos escritores, ademais doutras coetáneas que reflicten o ambiente musical (cortesán e popular) daquel momento histórico.
Como xa é habitual, tras a sesión, os asistentes puideron degustar un viño e un petisco por cortesía da bodega Martín Códax e Pan do Mar, facilitando un momento para o diálogo e o intercambio de impresións.
Sesión para nenos
Esta nova edición de Nexos contou tamén cunha sesión infantil para nenos de 6 a 12 anos, que se achegaron á figura de Cervantes e Shakespeare a través de varios libros de banda deseñada do autor galego David Rubín. Ademais, os participantes levaron a cabo dous murais colectivos nos que compararon as vidas dos dous autores e nos que realizaron novos poemas creados a partir dos seus versos.
Inscricións abertas a partir deste luns, 25 de abril
A vindeira sesión de Nexos terá lugar o 28 de maio e estará dedicada ao turismo. A cargo do profesor Lluís Bonet, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá un debate entre a inxección de recursos que xera un sector moi prezado en tempos de crise e as consecuencias non desexas dunha afluencia masiva.
Tras o relatorio, o público poderá gozar dunha actuación de Mofa e Befa, que presentarán no Gaiás a súa última acción: ‘We are differents’, na que o turismo é despoxado das súas múltiples máscaras para desvelar a súa auténtica natureza, a do mostro devorador das diferenzas.
Esta nova entrega de Nexos contará tamén coa súa versión infantil, na que nenos de 5 a 12 anos serán turistas por un día e realizarán unha serie de murais colectivos con fotografías e datos para coñecer algunhas das cidades máis visitadas do mundo e competirán para ver quen máis sabe de cada lugar.
A participación en ambas as dúas sesións (infantil e adulto) é de balde mais é preciso inscribirse previamente en cidade da cultura.gal a partir do vindeiro luns, 25 de abril.