Nova: Os museos xestionados por Cultura ofrecen todo o verán un completo programa expositivo e de actividades para poñer en valor o patrimonio cultural
17/07/2014
Os museos xestionados por Cultura ofrecen todo o verán un completo programa expositivo e de actividades para poñer en valor o patrimonio cultural
O secretario xeral de Cultura destacou no Parlamento a “notable actividade investigadora e científica” dos museos, a súa oferta expositiva, os labores de restauración de pezas e coleccións e tamén as múltiples actividades culturais, didácticas e divulgativas que organizan ao longo de todo o ano
Santiago, 17 de xullo de 2014.- Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia ofrecen durante todo o verán un completo programa expositivo e de actividades para poñer en valor o patrimonio cultural e achegarllo á cidadanía. Deste labor que veñen desenvolvendo os centros museísticos xestionados pola Xunta deu conta hoxe o secretario xeral de Cultura no Parlamento de Galicia, quen destacou “a importante actividade realizada de preservación, posta en valor e difusión do noso patrimonio histórico”.
Na súa intervención, Anxo Lorenzo referiuse á “notable actividade investigadora e científica” dos museos, á súa oferta expositiva, aos labores de restauración de pezas e coleccións e tamén ás múltiples actividades culturais, didácticas e divulgativas que organizan ao longo de todo o ano.
Exposicións, visitas guiadas, cursos e obradoiros para o público máis novo centran actualmente a oferta cultural que está a promover a Consellería e que chega ás catro provincias galegas a través dos museos de Belas Artes da Coruña, das Peregrinacións e de Santiago, do Centro Gaiás, do Arqueolóxico Provincial de Ourense, do Mar de Galicia, do Castro de Viladonga, dos parques arqueolóxicos de San Cibrao de Las e de Campo Lameiro, do Museo Massó, do Museo Etnolóxico de Ribadavia e tamén do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Mostra monográfica de Colmeiro
Entre a oferta expositiva promovida pola Consellería para o verán, destaca a primeira mostra monográfica do pintor Manuel Colmeiro, que fai un percorrido pola evolución artística dun dos máximos expoñentes da cultura galega. O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, inaugurará o vindeiro 29 de xullo a mostra, que se poderá visitar no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 26 outubro. O museo tamén acollerá a partir do día 18 de setembro unha nova exposición que propón un achegamento á arquitectura Suíza, centrada na paisaxe e no desenvolvemento sustentable, en colaboración coa Embaixada de Suíza en España.
A cultura galega tamén tende pontes co exterior na exposición sobre iconas rusas que inaugurou onte na capital de Galicia o Museo das Peregrinacións e de Santiago. Baixo o título ‘Iconas rusas, presentación dunha colección’, este novo proxecto inclúe unha selección de máis de 40 pezas de gran valor histórico e artístico procedentes da colección de 263 iconas rusas, datadas entre os séculos XV e XX, que lle foron cedidas ao museo por un coleccionista particular para a súa custodia e exhibición pública.
Tamén na capital de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación propón unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte a través da exposición ‘Auga Doce’ do Museo Centro Gaiás, formada por 700 obras nas que os mestres da arte lle renden homenaxe a este elemento clave da identidade galega. Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullan o visitante nunha intensa experiencia estética, que se pode visitar na Cidade da Cultura ata o vindeiro 14 de setembro.
Na provincia de Ourense, o Museo Etnolóxico de Ribadavia amosará desde o 22 de xullo ao 26 de agosto a exposición Das terras, unha mostra fotográfica na que Natasha Lelenco (Moldavia, 1982) amosa “un retrato colectivo dos estados de ánimo e de maneiras de ser nos que a persoa observadora poida atoparse a través da beleza das formas”. O museo tamén ofrece estes días a posibilidade de achegarse á filatelia, cunha mostra que permanecerá aberta ata o próximo 20 de xullo e na que se mostran selos e outros documentos referentes a emisións con temáticas como as Letras Galegas, os pequenos e grandes museos de España, o oficio de afiador e os usos da roda ou os viños de Galicia.
Ademais, no marco de Marxes Fílmicas, o museo ofrece hoxe e mañá venres, ás 20:30 horas, as últimas sesións deste ciclo, coas proxeccións dos documentais de produción finlandesa ‘La carga de mi corazón’ e ‘Una clase especial’.
Arqueoloxía e astronomía para observar as estrelas
Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense retomará en setembro a súa actividade da peza do mes, para afondar no coñecemento histórico, artístico e material da súa colección, mentres que o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica de San Cibrao de Las ofrece visitas guiadas e unha actividade que combina arqueoloxía e astronomía para observar as estrelas, o 9 de agosto.
Esta mesma iniciativa tamén a ofrecerá o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, na provincia de Pontevedra. A actividade enmárcase nunha programación cultural na que o parque tamén inclúe visitas guiadas para coñecer os petróglifos, os días 26 e 27 de xullo e o 30 e 31 de agosto; contacontos para viaxar ata a Idade de Bronce, os días 19 de xullo e 1 de agosto; e visitas teatralizadas para os máis novos o 25 e 26 de xullo, e o 2, 9 e 15 de agosto.
A moeda romana
Na provincia de Lugo, o Museo do Castro de Viladonga propón unha viaxe pola numismática a través da exposición ‘A moeda romana como documento’, que se poderá ver ata o 30 de setembro. A través de seis paneis, a mostra explica a orixe da moeda, o seu proceso de fabricación e as distintas partes que a compoñen, partindo da colección de moedas romanas procedentes do Castro de Viladonga. O museo tamén ofrece unha exposición temporal sobre o achado de dous torques en Vilar do Monte, Sarria.
Navegación tradicional e singraduras en barco
O mar e o seu patrimonio tamén están presentes nestas actividades. O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, propón ata o 15 de setembro experiencias didácticas para todos os públicos, previa inscrición, con paseos guiados polo museo e visitas ao Centro Arqueolóxico do Areal Salinae, mentres que o Museo Massó, en Bueu, ofrece cursos de iniciación á navegación tradicional e singraduras en barco pola ría, que se completan con obradoiros infantís e noites de verán nas que o museo abrirá ata as 12 da noite.
Obradoiros no CGAC
E como cada verán, o Centro Galego de Arte Contemporánea ofrece unha nova edición dos talleres de lecer que se desenvolve en xullo e agosto, de 11 a 13 horas, previa inscrición. Ademais do taller audiovisual ‘Fóra de campo’, dirixido polo artista Diego Santomé desde o pasado día 15 ata o 19 de xullo, o arquitecto Fermín Blanco impartirá, do 21 ao 24 de xullo, o taller ‘2 en 1’, onde os rapaces e rapazas de 9 a 12 anos poderán explorar as características arquitectónicas, a historia e os recunchos do CGAC e do Museo do Pobo Galego.
Os nenos e nenas de 7 a 9 tamén terán ocasión de coñecer, do 29 de xullo ao 1 de agosto, a través da proposta ‘Claqueta 1’, os aspectos básicos da produción da animación, mentres que os máis pequenos (de 4 a 6 anos) visitarán, do 5 ao 8 de agosto, as salas do museo para experimentar con diferentes texturas e volumes no taller ‘Pequenos artistas no CGAC’.
Axenda cultural
O calendario coa programación de actividades da Consellería de Cultura e Educación pódese consultar na nova axenda de Cultura, accesible na páxina web cultura.xunta.es.