Nova: Ribadeo volve celebrar a súa feira do libro despois de 20 anos

17/07/2014

Ribadeo volve celebrar a súa feira do libro despois de 20 anos

Ata o 20 de xullo, o concello lucense convida a participar nesta cita cultural, coas últimas novidades editoriais e diversas actividades arredor do libro e da lectura para todos os públicos 

  • Imaxe de libros nun andel

Ribadeo (Lugo), 17 de xullo de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou na tarde de hoxe na inauguración da Feira do Libro de Ribadeo, onde salientou “o papel central destas citas no impulso á comercialización e promoción de obras e autores galegos”. Neste sentido, a delegada aludiu a que “desde o ano 2010 o número de lectores frecuentes incrementouse en cinco puntos porcentuais” e referiuse tamén a que a actividade editorial no conxunto estatal “aumentou en case un 12 por cento”. Estes datos, xunto co peso da publicación en galego na comunidade, son, en opinión de Arias, motivos que avalan “o acerto da aposta realizada pola consellería para incrementar en máis dun 11 por cento o orzamento para as feiras do libro en Galicia durante este ano”.

Arias salientou tamén o papel da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o desenvolvemento destas citas e, en especial, a Feira do Libro de Ribadeo, que, coa colaboración do departamento autonómico, volta a celebrarse este ano logo de dúas décadas de ausencia. A feira, que se estenderá dende hoxe ata o próximo domingo día 20, contará con máis dunha decena de expositores.

A delegada fixo mención a este “rexurdimento da cita” e amosou “o agradecemento” á Federación de Libreiros de Galicia e, sobre todo, á Asociación Cultural Francisco Lanza, por retomar a iniciativa de organizar esta cita. Precisamente a presidenta deste colectivo cultural, Dores Fernández Abel, foi a encargada de ler o pregón da feira.

Coa cita ribadense elévanse a cinco as feiras deste tipo que se desenvolven durante este ano na provincia de Lugo, na que, como destacou Arias, se levan a cabo case a metade da ducia de eventos deste ámbito dentro da comunidade: Lugo, xa celebrada, Ribadeo e, nas próximas semanas, Viveiro, Foz e Monforte.

A representante do Executivo galego na provincia animou tamén aos estudantes e centros de ensino a participar nestas citas, “un público cuxa presenza tamén nos propuxemos este ano reforzar”. Así mesmo, valorou o impulso que se lle está a dar no presente ano á vinculación das agrupacións culturais, colectivos veciñais ou escolas de música, entre outras, de cada unha das zonas nas que se celebren as feiras.

“Desta forma, como sucede en Ribadeo, pódense organizar en colaboración con eles unha oferta de actividades de teatro, música, e incluso demostracións profesionais ou tradicionais. Unha nova aposta da Consellería de Cultura e Educación polos artistas de base e polas compañías galegas, contribuíndo a impulsar o sector editorial, así como tamén outros sectores, favorecendo a súa visibilidade e xerando emprego”, indicou Arias.

No caso de Ribadeo, representantes da Escola Municipal de Música, así como o grupo de teatro Baobab e o grupo Os Bolechas protagonizarán diversas actividades dunha oferta que completa o programa da feira ribadense.

Na apertura da feira tamén estiveron presentes Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo; Mari Luz Álvarez, concelleira de Cultura de Ribadeo; e Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia.

 

Comparte