Nova: As actividades do CGAC para esta semana xiran ao redor do cinema, da filosofía e da arquitectura experimental

26/04/2016

As actividades do CGAC para esta semana xiran ao redor do cinema, da filosofía e da arquitectura experimental

Hoxe martes estréase un documental sobre Joana Biarnés, a primeira fotoxornalista española

Na última fin de semana do mes haberá novos talleres experimentais de arquitectura contemporánea para público infantil e unha sesión de Filocafé conducida polo filósofo Celso Fernández Sanmartín

Santiago, 26 de abril de 2016.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle durante toda esta semana unha serie actividades de diversas disciplinas culturais enfocadas a todos os públicos, en torno ao cine, a filosofía e a arquitectura.

Hoxe martes, ás 20,30 horas, no auditorio do centro expositivo exhíbese unha nova sesión de “O documental do mes”, sobre “Joana Biarnés, unha entre todos”. Con dirección e guión de Òscar Moreno y Jordi Rovira, este film é a historia da desconocida vida e obra da primeira fotoxornalista española, pioneira que venceu os prexuízos dunha época, triunfou na profesión, e coñeceu e inmortalizou a grandes personaxes da historia coma os Beatles, Roman Polanksi, Clint Eastwood , Joan Manuel Serrat ou Salvador Dalí, entre outros.

A entrada é libre e gratuíta até completar a capacidade. A película proxectarase en versión orixinal en catalán e castelán, con subtítulos en castelán.

Talleres experimentais de arquitectura contemporánea para público infantil
As últimas fin de semana de abril e maio, o CGAC programa talleres de arquitectura contemporánea para público infantil.

O arquitecto Fermín Blanco, a través do equipo didáctico de Sistema Lupo, propón unha serie de talleres de arquitectura cuxo obxectivo é proporcionarlles aos nenos e nenas as claves necesarias para interpretar a arquitectura contemporánea mediante o legado das figuras máis relevantes do noso tempo neste eido. Este sistema comprende unha serie de pezas modulares que permiten múltiples posibilidades combinatorias, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción para construir a gran escala.

Os días 30 de abril e o 1 de maio o taller Experimenta centraráse na arquitectura experimental de Frey Otto.

Os talleres dos sábados están dirixidos a nenos e nenas de entre 6 e 8 anos e os talleres dos domingos para rapaces e rapazas de entre 9 e 11 anos.

As prazas para do taller do sábado 30 de abril están esgotadas e no taller do domingo 1 de maio están dispoñibles as últimas prazas. As persoas interesadas nas prazas do taller do domingo dirixido a nenos e nenas de 9 a 11 anos, poden inscribirse a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.es.

Filocafé
O primeiro domingo de cada mes entre abril e xuño, o poeta, filósofo e contador de historias, Celso Fernández Sanmartín dirixirá o Filocafé no CGAC.

Os filocafés son conversas públicas cun enfoque filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera disciplina ou nivel de coñecemento.

Unha vez ao mes, unha obra de arte sairá dos almacéns do museo para acompañarnos no debate e dialogar como un contertulio mais mentres degustamos un café.

A peza elixida empregarase como punto de partida para a conversa. Pero non se vai falar de arte, ou non só de arte, senón de calquera tema que suxira a obra nun nivel conceptual, formal ou anecdótico. Poderase falar de ciencia, gastronomía, política, música, filosofía, cine, estética, actualidade... cousas mundanas ou elevadas, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaian xurdindo de maneira espontánea.

É un encontro aberto a calquera tipo de manifestación en torno aos temas que se compartan. Os asistentes teñen a oportunidade de expresarse, máis alá da fala, a través da música, o canto, a poesía ou a expresión corporal.

A cita será o 1 de maio ás 18,30 h en A Cantina do CGAC. A participación no Filocafé é libre e gratuíta.

Comparte