Nova: Unha mostra na cidade porteña recupera a obra fotográfica de Blanco Amor

24/04/2016

Unha mostra na cidade porteña recupera a obra fotográfica de Blanco Amor

O acto enmárcase no programa de actividades organizado por Galicia para a 42ª edición da Feira Internacional do Libro

Bos Aires (Arxentina), 24 de abril de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou a exposición ‘Blanco Amor. La mirada y el deseo’, un percorrido pola obra fotográfica do autor ourensán, que chega á capital porteña no marco da programación galega da 42ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires. No acto, celebrado no centro cultural Usina del Arte, participou tamén, entre outros, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

O conselleiro salientou a importancia desta obra do autor ourensán, “que nos permite acceder a unha experiencia vital marcada polas viaxes e cambios de escenario”, así como “ás historias de lugares e xentes coas que compartiu momentos no seu itinerario polo mundo adiante". Así mesmo lembrou que estudosos do labor fotográfico de Blanco Amor téñeno cualificado de “adiantado aos seus tempos”, sendo incluso comparado con Oscar Wilde; e que as súas instantáneas teñen inspirado diversos libros, teses de doutoramento e exposicións.

Non en balde, a mostra - formada por 50 fotografías e mais paneis explicativos- baséase no libro ‘A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973’, editado no ano 2004 pola editorial Galaxia, e que constitúe unha escolma de autorretratos, imaxes de viaxes por lugares como Marrocos, París ou Nápoles, e fotografías de persoeiros como García Lorca, Castelao, Otero Pedrayo, Luís Seoane ou Indalecio Prieto; unha das facetas máis descoñecidas.

A actividade forma parte das que se celebran en múltiples espazos da capital arxentina co gallo da participación galega nesta feira referente mundial, coincidindo ademais co feito de que a cidade convidada é Santiago de Compostela. Deste xeito, ademais de no stand de Galicia e nos diferentes espazos do recinto ‘La Rural’, desenvolveranse conferencias, lecturas, relatorios… en bibliotecas, librerías, centros culturais e da colectividade galega e en universidades de Bos Aires.

Segunda semana de actividade
Mañá iníciase a segunda semana de actividade na FEIRA, na que tamén se inaugurará a exposición ‘Otros verbos, nuevas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936)’, que acollerá desde o 26 de abril El Cultural San Martín, mesmo día no que no Centro Gallego de Bos Aires se desenvolverá unha homenaxe a Valle-Inclán e a presentación – neste caso no propio recinto feiral- da Cátedra Galicia-América da Universidad Nacional de San Martín.

O mércores 27 de abril presentarase no stand de Galicia o audiovisual ‘Querido Tomás’, baseado na novela homónima de Fina Casalderrey; mentres que o xoves 28 de abril a Academia Argentina de Letras acollerá o acto literario de ingreso nesta institución de Luís González Tosar. Na mesma xornada, entregaranse no Museo Nacional de Arte Decorativo a entrega de premios do concurso literario ‘Galicia entre nosotros’.

Así mesmo, o día 28 arrincará – coa proxección do filme ‘Lobos sucios’- o ciclo ‘Galicia en cine, co que a Consellería de Cultura e Educación busca difundir o noso audiovisual aproveitando a oportunidade que supón a FEIRA. Este mesmo obxectivo completarase o venres 29 coa conferencia ‘El audiovisual gallego en la actualidad’, impartida por Dolores Meijomín en representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Xa o sábado 30, o Instituto Argentino de Cultura Gallega renderá homenaxe ao autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, Manuel María, coa presentación do libro ‘Advento. Manuel María’, editado polo Consello da Cultura Galega.

Os horarios e lugares das máis de 50 actividades programadas para esta semana poden consultarse no enderezo web http://www.cultura.gal/librogalegobaires16, e a través das redes sociais de Facebook na conta de Librogalegobaires16 e en Twitter (@LibroGalegoBA16).
 

Comparte