Nova: A figura e a obra de Cela chega á capital porteña no centenario do seu nacemento

27/04/2016

A figura e a obra de Cela chega á capital porteña no centenario do seu nacemento

Inaugúrase a exposición ‘Camilo José Cela no seu centenario’ na Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais (UCES) de Buenos Aires

Bos Aires (Arxentina), 27 de abril de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou a estreita vinculación do premio Nobel galego coa Arxentina durante o acto de inauguración da exposición ‘Camilo José Cela no seu centenario’, que tivo lugar hoxe na Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais (UCES) de Buenos Aires.

A figura e a obra do escritor chega á capital porteña no marco da programación de Galicia na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, a través dunha mostra que permanecerá aberta ata o vindeiro 5 de maio na UCES, universidade que nomeou o escritor doutor honoris causa.

A programación expositiva de Santiago de Compostela, cidade convidada á feira do libro tamén inclúe a mostra ´Galicia imaxina nas revistas da emigración', que foi inaugurada no Centro Galicia polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, coa participación do secretario xeral de Cultura e da directiva do Centro de Galicia.

Unha mostra sobre o labor como fotógrafo de Blanco Amor e sobre a tradución da obra de Valle-Inclán completan a programación expositiva, que se prolongará despois do verán coa mostra 'José Suárez. Uns ollos vivos que pensan', da Fundación Cidade da Cultura.

Comparte