Nova: Entrega de premios do certame Galicia entre nosotros, convocado pola Academia Argentina de Letras
28/04/2016
Entrega de premios do certame Galicia entre nosotros, convocado pola Academia Argentina de Letras
Tamén se celebrou o acto de ingreso de Luís González Tosar nesta institución
Santiago, 28 de abril de 2016.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na entrega de premios do concurso literario ‘Galicia entre nosotros’, convocado pola Academia Argentina de Letras –co apoio da Xunta de Galicia– coincidindo co papel de Santiago de Compostela como cidade convidada na 42ª edición da Feira Internacional do Libro de Bos Aires. O acto desenvolveuse no Museo Nacional de Arte Decorativo e nel participaron tamén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure. Previamente, no mesmo edificio tivo lugar o acto de ingreso de Luís González Tosar na Academia Argentina de Letras.
Os traballos presentados a este certame debían estar escritos en prosa (relato, semblanza ou descrición), na que se evocaran figuras ou episodios, reais ou ficticios, enmarcados na historia da emigración galega a Arxentina. Na categoría A do certame, para alumnos de estudos terciarios e universitarios, o primeiro premio foi para “As”, de Natalia Philipp, alumna da Facultade de Ciencias Exactas e Naturais da Universidade de Bos Aires; mentres que as mencións especiais foron para “La tierra y la sangre”, de Rodrigo Ariel Moral; “El aullido”, de Maricel Amblard; “Hermana mía”, de Sofía Tiviroli; “El agua de mis ancestros”, de Lisandro Penelas; e para “El niño que trae la brisa”, de Silvana Nancy Muiño.
Na categoría B, para estudantes de nivel secundario, o primeiro premio foi para “Carta desde América”, de María Inés Goldzycher, alumna do Colexio Nacional de Buenos Aires; mentres que as mencións especiais recaeron en “Al final, negro”, de Joaquín Batinic Rey; “Los lobos de Galicia”, de Maribel Gándara; “Amor inmigrante”, de Sabrina Rabaglia; “¡Se chove, que chova!”, de Ela Jana Alazraqui; e para “Somos o que soñamos ser”, de Lucía Belén Romero Percivati Franco. O xurado conformárono o presidente da Academia, José Luis Moure; a súa vicepresidenta, Alicia Zorrilla; e os académicos Antonio Requeni e Raúl Felipe Oteriño.
Ingreso de Luís González Tosar
Anxo Lorenzo asistiu tamén ao acto de ingreso do escritor ourensán González Tosar na dita Academia, un acto no que tamén interveu o académico Antonio Requeni. Os vencellos do autor, nado na capital porteña, con Arxentina son evidentes, tendo en conta que o escritor volveu a Galicia con 17 anos, fillo de emigrantes. Ademais, en 2014 foi nomeado Huésped de Honra pola Lexislatura da Cidade de Bos Aires; e traballa na publicación da obra completa dos poetas arxentinos Francisco Luis Bernárdez e González Carvalho. Na actualidade, ademais de continuar co seu labor literario, é presidente do PEN Club de Escritores de Galicia.