Nova: O Centro Ramón Piñeiro acolle a presentación dunha edición facsimilar da revista Xistral
29/04/2016
O Centro Ramón Piñeiro acolle a presentación dunha edición facsimilar da revista Xistral
Foi unha publicación poética editada por Manuel María, autor a quen se lle renderá homenaxe o próximo 17 de maio, onde o cantor da Terra Chá publicou os seus primeiros versos
A edición forma parte do amplo programa que a Xunta de Galicia desenvolverá este ano para conmemorar as Letras Galegas
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2016.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou este serán no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) unha edición facsimilar da revista poética ‘Xistral’ publicada no ano 1949 por Manuel María, autor que será homenaxeado o próximo Día das Letras Galegas.
Valentín García sinalou que, “vista coa distancia que proporciona o tempo, ‘Xistral’ foi unha aventura literaria que simbolizou tamén a continuidade dunha lingua e dunha cultura”, polo que, máis alá do seu indubidable valor artístico, “é un referente na loita a prol da cultura galega” que ten gañado un lugar de honra na nosa historia.
O secretario xeral estivo acompañado polos profesores Luís Alonso Girgado, coordinador da publicación; Manuel González González, director científico do CRPIH; Blanca Ana Roig-Rechou, directora da área de Literatura do CRPIH, e Claudio Rodríguez Fer, prologuista da edición.
Edición facsimilar
A revista ‘Xistral’ (Lugo, 1949) foi unha aventura de mocidade do, daquela, aínda estudante de bacharelato Manuel María Fernández Teixeiro, quen dirixiu a cabeceira e publicou nela os seus primeiros versos. Na iniciativa, que durou apenas dous números, contou coa colaboración do seu amigo Manuel Antonio Sopena Somoza. Malia a súa curta vida, nestas entregas figuran poemas de autores lucenses tan destacados como Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro ou Aquilino Iglesia Alvariño.
A edición facsimilar publicada polo CRPIH conta con textos introdutorios de Claudio Rodríguez Fer e mais do responsable da edición, Luís Alonso Girgado, e reproduce tamén unhas palabras liminares a propósito de ‘Xistral’ pronunciadas no seu día por Manuel María.
Programación da Xunta de Galicia para as Letras Galegas
A edición facsimilar de ‘Xistral’ publicada polo CRPIH forma parte das edicións conmemorativas integradas na ampla programación de materiais e de actos das Letras Galegas da Xunta de Galicia.
No marco desta conmemoración, a Xunta, a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura, abrirá ao público a exposición itinerante “Manuel María. Beleza, amor e compromiso”, realizada en colaboración da Fundación Manuel María, que percorrerá 13 localidades de Galicia desde o mes de maio. A programación das Letras Galegas 2016 da Xunta contempla tamén outras iniciativas arredor do 17 de maio como a III Carreira “Camiño das Letras” prevista para o vindeiro 15 na capital de Galicia.
Así mesmo, no web www.lingua.gal xa está dispoñible un repositorio con recursos e materias didácticos e dixitais sobre o autor homenaxeado que se irán completando de xeito paulatino e que se suman a outras actividades programadas na Rede de Dinamización Lingüística ou na Rede de Centros de Estudos Galegos da Xunta, entre moitas outras que se darán a coñecer de xeito pormenorizado nas vindeiras semanas.