Nova: O Monte Gaiás conta cun bosque con máis de 7.000 árbores, un xardín literario e dous parques infantís

02/05/2016

O Monte Gaiás conta cun bosque con máis de 7.000 árbores, un xardín literario e dous parques infantís

Entre as árbores discorrerá unha tépeda rede de sendas peonís, cunha lonxitude aproximada de 3.700 metros, sinalizadas e dotadas con mobiliario urbano, peches metálicos e cunhas entradas acondicionadas para que acceda o público, desde a avenida Diego Bernal ou desde a Cidade da Cultura

Avanza unha segunda fase que incluirá unha intervención sobre o lago situado ao nordeste da Cidade da Cultura; a rexeneración medioambiental das zonas degradas do monte e a instalación dun sistema de iluminación que realce a arquitectura dos edificios do Gaiás

Santiago, 2 de maio de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, invitou hoxe aos galegos a que “fagan seu” o Monte Gaiás, que desde hoxe conta cun bosque con máis de 7.000 árbores, un xardín literario e dous parques infantís. “Buscamos traer e atraer vida a Cidade da Cultura, achegar o Gaiás a Santiago e aos seus visitantes, crear máis opcións de lecer ao aire libre, en definitiva, facer que o Gaiás se converta nunha parte importante da capital de Galicia”, afirmou.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que este plan conta con tres actuacións concretas: o Bosque de Galicia, cunha rede de sendas peonís iluminadas con focos de baixo consumo e que unirán o cumio do monte coas brañas do Sar; o Xardín Literario, un espazo de reivindicación dos poetas e escritores galegos e que está situado no espazo que, no proxecto orixinal, ocupaba o Centro de Arte Internacional, e dúas áreas infantís de lecer, unha delas figurativa e a outra abstracta.

No tocante ao Bosque de Galicia, o titular da Xunta resaltou que “esta alfombra verde” que conecta Santiago coa Cidade da Cultura conta xa con máis de 7.000 árbores autóctonas como carballos, bidueiros, espiños, erbedos, abeleiras, pradairos, freixos, castiñeiros, faias, cerdeiras e capudres. Así mesmo, este “pulmón verde de Santiago” dispón de zonas de descanso e un miradoiro que ofrece unha vista moi pouco coñecida da cidade.

Por entre estas árbores discorrerá unha tépeda rede de sendas peonís, cunha lonxitude aproximada de 4.000 metros, sinalizadas e dotadas con mobiliario urbano, peches metálicos e cunhas entradas acondicionadas para que acceda o público, desde a avenida Diego Bernal ou desde a Cidade da Cultura.

Cómpre salientar tamén que estas sendas estarán abertas todos os días de sete da mañá a once da noite e estarán iluminadas cun sistema LED de baixo consumo. Este sistema completarase cunha estación fotovoltaica instalada no cumio do monte, que contribúe á recuperación da enerxía.

Xardín Literario e parques infantís
En relación ao Xardín Literario, Feijóo subliñou que este espazo está concibido para achegarse á arte en todas as súas vertentes: “Queremos que a xente lea neste Xardín e que asista aos concertos, recitais e obras de teatro que se levarán a cabo no seu auditorio ao aire libre”, explicou. Nesta zona, que ocupa algo máis dunha hectárea, plantáronse árbores de 14 especies diferentes, distribuídas en forma de follas de libros e que están acompañadas de placas con citas literarias de escritores galegos.

Ademais de agradecer o traballo da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, o responsable do Goberno galego destacou que os novos espazos exteriores do Gaiás contan con dúas áreas infantís de lecer. Unha delas é abstracta, está preto das Torres Hejduk e conta con bambáns con formas que estimulan a creatividade dos cativos. O outro é un parque figurativo, o Parque da Balea, que homenaxea a un dos grandes artistas plásticos galegos, Urbano Lugrís, que deseñou grandes monstros mariños como tributo aos antigos cazadores de baleas da Costa da Morte.

O presidente avanzou tamén que se está xa a concibir a segunda fase do Plan de Humanización. “Incluirá unha intervención sobre o lago situado ao nordeste da Cidade da Cultura, limitando coa parroquia do Viso, para ofrecer unha nova área de lecer aos veciños; a rexeneración medioambiental das zonas degradas do monte e a instalación dun sistema de iluminación que realce a arquitectura dos edificios do Gaiás”, dixo.

Comparte