Nova: Máis de 31.000 euros para a rehabilitación da igrexa do mosteiro de Santa María de Oseira, en Cea (Ourense)

18/07/2014

Máis de 31.000 euros para a rehabilitación da igrexa do mosteiro de Santa María de Oseira, en Cea (Ourense)

As actuacións consistirán, principalmente, na reposición parcial dos beirados da xirola e de dotar de maior ventilación a escaleira que comunica co nivel superior do claustro

  • Mosteiro de Santa María de Oseiro

Cea (Ourense), 18 de xullo de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a igrexa do mosteiro de Santa María de Oseira, no concello ourensá de Cea para anunciar que o seu departamento investirá un total de 31.327,80 euros na rehabilitación e reposición da formación do beirado da xirola da basílica. Durante a visita estivo acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua.

A igrexa do mosteiro de Santa María de Oseira data do ano 1637 e é un exemplar monumental da arte románica oxival. As obras neste ben consistirán na reposición parcial dos beirados da xirola da igrexa co fin de evitar un novo levantado das pranchas de cobre. Para tal efecto colocaranse platinas pregadas de aceiro inoxidable ancoradas ás táboas.

Unha vez alí aproveitarase para dotar de maior ventilación a escaleira que comunica a igrexa co nivel superior do claustro e tamén se farán labores de mantemento reparando as xuntas con morteiro de cal e area. As actuación teñen un prazo de execución de dous meses aproximadamente.

Ademais, durante a visita o conselleiro adquiriu o compromiso de contratar no 2015 a redacción do Plan Director deste mosteiro, o que lle permitiría contar cun documento que ordene as actuacións a realizar nos vindeiros anos. A continuación, abordouse a posibilidade de realizar unha intervención na cuberta da ala leste do Claustro dos Medallóns tamén no vindeiro ano.

Comparte