Nova: A Asociación Europea de Televisións Rexionais gaña o XX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

03/05/2016

A Asociación Europea de Televisións Rexionais gaña o XX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

O xurado destacou a promoción das identidades e culturas europeas levada a cabo por CIRCOM, integrado por preto de 300 canles de televisión de máis de 30 países

O premio en metálico, dotado con 6.000 euros, destinarase ao Centro da Xuventude Europea para un campamento de verán de paz con mozos europeos e refuxiados
 

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016.- A Asociación Europea de Televisións Rexionais de Servizo Público, CIRCOM, é a entidade galardoada co XX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia, como recoñecemento polo seu apoio á diversidade e ao desenvolvemento rexional en Europa.

Así o anunciaron hoxe en rolda de prensa o Grupo Compostela de Universidades (CGU) e a Xunta de Galicia, nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente do Grupo Compostela, Marek Kreglewski; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o presidente de CIRCOM Rexional, Jean-Marc Dubois, e o secretario xeral desta institución, Fernando Ojea.

O xurado do premio, formado por tres representantes do Goberno galego e por outros tres das universidades membro do Grupo Compostela, valorou o apoio que CIRCOM Rexional leva a cabo a prol da diversidade cultural europea, así como “a promoción dos valores de tolerancia e integración na construción da identidade europea”, tal como sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa.

A dotación económica do galardón, de 6.000 euros, destinarase ao Centro da Xuventude Europea, unha organización do Consello de Europa que realiza no mes de xullo un campamento de verán de paz que xuntará en Estrasburgo a mozos europeos e de países en conflito. Este apoio permitirá que mozos refuxiados sirios poidan participar nesta iniciativa.

Logo do anuncio do premio a CIRCOM Rexional, o seu presidente e o seu secretario xeral mantiveron unha charla-coloquio con estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación baixo o título ‘Canles rexionais de servizo público: unha ferramenta para a democracia en Europa’.

Contribución ao desenvolvemento das identidades rexionais
CIRCOM Rexional nace no ano 1983 da man dun grupo de profesionais de diversas televisións europeas co propósito de axudar a desenvolver as identidades rexionais en Europa. A idea de base era utilizar o importante rol da televisión no desenvolvemento da idea de Europa.

Hoxe está formado por unhas 300 canles de televisión de máis de 33 países europeos nas que traballan máis de 10.000 profesionais, e ten como obxectivos principais o intercambio de ideas e experiencias, o fomento das coproducións entre os seus membros, servir de punto de encontro de profesionais e investigadores dos medios e contribuír ao desenvolvemento das culturas e identidades europeas con prácticas innovadoras.

O Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia
O Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia, desde a súa creación en 1997, galardoou a persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes ámbitos. Este ano, o xurado tivo que decidir entre máis de 20 candidatos. Nas últimas edicións, o premio recaeu no programa Erasmus (2015), no científico sueco Lennart Levi (2014), na canle europea de noticias Euronews (2013) e no Colexio de Europa (2012).

A cerimonia de entrega do galardón realizarase o vindeiro 20 de setembro de 2016, no marco da XXII Asemblea Xeral do CGU, que este ano se celebrará na Universitat Jaume I de Castellón.

O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior. Creada no ano 1993 por un grupo de universidades europeas, actualmente o CGU está formado por arredor de 70 membros de todo o mundo, o cal se traduce en máis de 150.000 persoas traballando nas universidades e arredor de 1,3 millóns de estudantes.

Comparte