Nova: Galicia Escena PRO selecciona 37 compañías para amosar os seus espectáculos

04/05/2016

Galicia Escena PRO selecciona 37 compañías para amosar os seus espectáculos

A comisión elixiu 34 galegas e tres vascas e 17 montaxes para exhibir en formato completo e 10 en formato reducido, ademais de 10 títulos para a sesión na que outras tantas formacións lles avanzarán aos programadores os seus proxectos cara á vindeira temporada

A Agadic organiza este mercado, que se desenvolverá do 6 ao 9 de xuño e para o que continúa aberto ata o 15 de maio o prazo de inscrición de profesionais 

Santiago, 4 de maio de 2015.- Un total de 37 compañías compoñen a carteleira de espectáculos, ‘showcases’ e ‘pitching’ da cuarta edición do mercado Galicia Escena PRO, que terá lugar en Santiago de Compostela do 6 ao 9 de xuño baixo a organización da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este ano, ademais, a escolma inclúe unha representación das artes escénicas vascas a través de tres propostas que se exhibirán neste encontro en colaboración co Instituto Etxepare.

Catro espazos da cidade –Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal– serán as sedes principais do evento, que lles ofrece ás formacións artísticas galegas un espazo para entrar en contacto directo cos representantes dos teatros, auditorios, salas e mostras escénicas cara á configuración das súas próximas temporadas de exhibición.

Dezasete espectáculos en formato completo
Para a categoría de espectáculos completos, a comisión encargada da selección elixiu un total de 17 títulos, do que 14 son montaxes galegas de teatro e danza para público familiar e adulto: ‘A forma das cousas’, de La Yogurtera; ‘Coma e punto’, de Antagonista Teatro; ‘Contiguo’, de Compañía IO; ‘Eroski Paraíso’, de Grupo Chévere; ‘Foucellas’, de Talía Teatro; ‘Gretel e Bela’, de Teatro da Semente; ‘Manawee’, de Matrioshka Teatro; ‘O conto da Azuzaina’, de Limiar Teatro; ‘O poder de Amabel’, de Pérez&Fernández; ‘Os amores de Jacques o fatalista’, de Producións Teatráis Excéntricas; ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, de Aporía Escénica; ‘Raclette’, de Ibuprofeno Teatro; ‘Son’, de Nova Galega de Danza; e ‘Up2Down’m, de trasPediante. Seleccionáronse, así mesmo, tres propostas procedentes do País Vasco: ‘Mobydick’, de Teatro Gorakada; ‘Oskara’, de Kukai Dantza; e ‘Solitudes’, de Kulunka Teatro.

No apartado de 'showcases', con 10 propostas galegas en cartel, as compañías teñen a oportunidade de escenificar diante dos programadores e demais axentes culturais inscritos no mercado unha pequena mostra das súas novas producións. Trátase de ‘Falar sen cancelas’, de Culturactiva; ‘Give it a Spin’, de Pisando Ovos; ‘Invención’, de Odaiko; ‘La vida de las tormentas’, de Colectivo t.O.x.O; ‘Múltiple’, de Antón Coucheiro; ‘Os soños na gaiola’, de Títeres Alakrán; ‘Pavillón Lino’, de Caramuxo Teatro; ‘Unhas gafas como as do avó’, de A Trastenda dos Contos; ‘Voaxa e Carmín’, de ButacaZero; e ‘Volta á maxia’, de Dani García.

Adianto dos próximos proxectos
Por segundo ano consecutivo, Galicia Escena PRO incluirá no seu programa unha xornada de 'pitching', para a que foron seleccionadas outras 10 compañías co obxectivo de lles presentar aos programadores asistentes un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos son ‘Desconexión’, de Xurxo Cortázar; ‘Get Back’, de Eme2 emoción&arte; ‘O baúl do mago’, de Mago Rafa; ‘O encoro enmeigado (nas Fragas do Eume)’, de Os Monicreques de Kukas; ‘O Robot e a doutora Pi: tribulacións na procura dun soño’, de Xosel Díez Rivera; ‘O tolleito de Inishman’, de Contraproducións; ‘Rubicundo’, de Ghazafelhos; ‘Salvador’, de Borja Fernández’, ‘Tita’, de Larraitz Urruzola; e ‘Vaia heroe de merda, unha historia de desobediencia civil’, de Xesús Ron.

Tanto as sesións 'showcase' como as presentacións 'pitching' serán de acceso exclusivo para os profesionais, que poden formalizar a súa inscrición ata o 15 de maio a través da web galiciaescenapro.gal. Pola súa banda, a carteleira de espectáculos volverase a abrir ao público non profesional en función da capacidade dispoñible en cada un dos espazos.

Comparte