Nova: O Valle-Inclán viaxeiro chega a Santiago de Compostela coa programación escénica de A maleta do mestre
04/05/2016
O Valle-Inclán viaxeiro chega a Santiago de Compostela coa programación escénica de A maleta do mestre
Co gallo dos 150 anos do nacemento do dramaturgo, a Fundación Valle-Inclán promove este proxecto escénico conformado por catro espectáculos, que conta co apoio de Cultura
A estrea da performance ‘Que os leve o vento’, o 8 de maio nas inmediacións da Colexiata do Sar, é a primeira das catro actuacións que ten en cartel a Escola de Teatro Valle-Innova na capital galega
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2016.- O proxecto escénico ‘A maleta do mestre’, da Escola de Teatro Valle-Innova, da Fundación Valle-Inclán, ofrecerá en Santiago de Compostela catro espectáculos que inciden na faceta viaxeira do creador do esperpento.
No marco da celebración do 150º aniversario do nacemento do dramaturgo e tendo en conta as innumerables viaxes que Ramón María del Valle-Inclán realizou durante a súa vida, precisamente o que busca esta programación, dirixida por Fátima Rey e promovida pola Fundación Valle-Inclán, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, é a mobilidade das montaxes, que se representarán nos principais concellos vinculados coa vida e a obra do escritor galego durante este ano e ata o vindeiro outubro de 2017.
O cartel programado en Santiago de Compostela foi presentado esta mañá en rolda de prensa polo vicepresidente da fundación, José Juan Durán, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que recordou o carácter multidisplinar e colectivo da programación que se vén desenvolvendo para celebrar os 150 anos do nacemento de Valle-Inclán, coa implicación das principais entidades vinculadas co escritor.
Espectáculos escénicos
A primeira das actuacións na cidade compostelá, prevista para o próximo domingo 8 de maio, ás 18:00 horas, nas inmediacións da Colexiata do Sar, coincide coa estrea do espectáculo ‘Que os leve o vento’, unha das catro obras que conforman o proxecto teatral ‘A maleta do mestre’. Trátase dunha adaptación de ‘Visión estelar de un momento de guerra’ que se presenta nun formato de performance, destinada especialmente a espectadores maiores de 16 anos.
As seguintes citas no concello compostelán terán lugar xa no verán e no outono. O martes 9 de agosto será a quenda do espectáculo ‘A ruta das verbas", unha visita guiada dramatizada pola cidade. A seguir, o xoves 18 de agosto, a Fundación Valle-Inclán porá en escena ‘A viaxe marabillosa’, a súa montaxe máis máxica e amplamente aplaudida na súa estrea o pasado mes de abril en Vilanova de Arousa.
Para pechar o repertorio na capital de Galicia, o xoves 13 de outubro, a Fundación Valle-Inclán subirá ao tren de Vilagarcía de Arousa a Santiago de Compostela a súa cuarta montaxe, ‘Estacións valleinclanianas’, coas mellores escenas cómicas de Valle-Inclán para a súa representación durante o traxecto.
Diversas propostas para se achegar a Valle-Inclán
Un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, conforman o extenso programa de actividades que se desenvolverán en Galicia ao longo deste ano e mais do que vén con motivo do 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta Ramón María del Valle-Inclán.
Trátase dunha completa programación colectiva promovida pola Xunta en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura deste dramaturgo universal, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.