Nova: Novas edicións do certame e concurso de composición da Federación Galega de Bandas de música populares
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
06/05/2016
Novas edicións do certame e concurso de composición da Federación Galega de Bandas de música populares
Cultura colabora apoia estas iniciativas e recoñece o labor de formación e divulgación musical realizado por este colectivo
Santiago, 6 de maio de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, e o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Armando Morales, asinaron un convenio polo que ambas entidades colaborarán ao longo de todo ano para impulsar as actividades deste colectivo musical, como son o Certame Galego de Bandas e o Concurso Galego de Composición.
As dúas iniciativas, que cumprirán en 2016 a súa décima e novena convocatoria, respectivamente, compleméntanse entre elas para amosar e difundir toda a potencialidade interpretativa dos instrumentistas das noventa formacións con máis de 6.200 músicos que integran a Federación na actualidade, ademais de contribuír á configuración dun repertorio musical específico de temática galega.
Así mesmo, o acordo busca apoiar e dar visibilidade ao traballo de formación instrumental e de divulgación musical que realizan en Galicia as bandas de música populares, ao tempo que se lle recoñece ao colectivo o seu labor continuado a prol da cultura musical galega.
Deste xeito o recolle o convenio que, dotado con 70.000 euros, foi rubricado hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, sede da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo a través do que se executará o apoio estipulado e que supón, ademais, a continuidade na liña de colaboración emprendida nos últimos anos coa FGBMP.
Para bandas das tres seccións
No vindeiro X Certame Galego de Bandas, que se celebrará no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, os días 26 e 27 de novembro de 2016, actuarán 15 agrupacións, que serán escollidas por sorteo público o 10 de xullo entre o total federadas. As bandas seleccionadas serán divididas en tres apartados segundo o número de integrantes: sección primeira (máis de 71 músicos), sección segunda (de 51 a 70 músicos) e sección terceira (ata 50 músicos).
Como novidade, este ano incrementarase o número de prazas dispoñibles de terceira sección, para dar resposta á crecente demanda dos últimos anos de formacións con menor número de integrantes interesadas en participar, e que constitúen o grupo máis numeroso de agrupacións federadas.
No transcurso do certame, as bandas deberán interpretar un pasodobre de presentación e, xa en competición, tres obras obrigadas e outra máis de libre elección. As pezas de execución obrigada son as tres premiadas no concurso de composición de 2015: ‘Sinfonietta das Cantigas’, de José Ignacio Blesa Lull; ‘As Lúas’, de Juan Pérez Berná, e ‘Olimpo dos celtas’, de Santiago Barreira Davila, polo que se asegura así a estrea anual dos títulos.
O prazo de presentación de obras para o IX Concurso Galego de Composición abrirase o 16 de maio e estenderase ata o 16 de setembro. As composicións deberán ser orixinais e inéditas, versar sobre temática galega ou aludir no seu título a aspectos da cultura galega.
O ditame do xurado darase a coñecer o 27 de novembro, coincidindo co acto de clausura do X Certame Galego de Bandas, no que se lles entregarán tamén os diplomas aos compositores premiados.