Nova: A III Carreira Camiño das Letras une a práctica do atletismo co simbolismo da ruta xacobea para celebrar o 17 de maio

09/05/2016

A III Carreira Camiño das Letras une a práctica do atletismo co simbolismo da ruta xacobea para celebrar o 17 de maio

Cultura apoia unha nova edición deste evento que conmemora as Letras Galegas a través do deporte e da posta en valor do Camiño

A proba realizarase o 15 de maio na capital de Galicia, desde A Lavacolla ata o Estadio de San Lázaro, e contará cun circuíto para nenos e nenas

A inscrición para participar na carreira está aberta en www.carreirasgalegas.com 

Santiago, 9 de maio de 2015.- A Carreira Camiño das Letras celebra este ano a súa terceira edición para conmemorar, a través da práctica deportiva e da posta en valor da ruta xacobea, as Letras Galegas, que a Real Academia Galega lle dedica en 2016 ao poeta Manuel María. Promovida por Xurdir S.L co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a nova proba realizarase na capital de Galicia o vindeiro 15 de maio a partir das 10:00 horas, desde A Lavacolla ata o Estadio de San Lázaro, polo Camiño de Santiago.

A nova edición da carreira dérona a coñecer esta mañá en rolda de prensa os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; acompañados da directora da proba, Carmen Vázquez; do presidente da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Isidoro Hornillos; e do atleta santiagués Pedro Nimo.

Durante a presentación, os representantes da Consellería de Cultura e Educación recordaron o interese desta iniciativa para incorporar á celebración das Letras Galegas a práctica deportiva e a posta en valor do patrimonio cultural, co fin de favorecer unha conmemoración transversal e o máis ampla e participativa entre a cidadanía. Así mesmo, destacaron a promoción do uso do galego no deporte como un dos obxectivos da carreira, que percorrerá un total de 11 quilómetros na proba absoluta.

Para os nenos e nenas, a carreira volverá ofrecer un circuíto especial, que se desenvolverá nos arredores do Estadio de San Lázaro, coas categorías de pitufos, prebenxamín-benxamín, alevín-infantil e cadete-xuvenil, a partir das 11:30 horas.

Todas as persoas que participen na carreira recibirán como agasallo un libro e un diploma. Ademais, os tres primeiros clasificados da proba absoluta e de cada unha das categorías recibirán un trofeo e un lote de libros. O centro escolar e o club cuxo que mais alumnos e alumnas acheguen á proba recibirán tamén un trofeo e un lote de libros.

Inscrición en www.carreirasgalegas.com
A inscrición para participar na carreira, apadriñada un ano máis polo actor e presentador Roberto Vilar e que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, está aberta a través da páxina web www.carreirasgalegas.com. A recollida de dorsais será no punto de información da planta baixa do Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, os días 13 e 14 de maio de 11:00 a 20:00 horas) e na secretaría da carreira no Estadio de San Lázaro a partir das 09:00 horas.

Manuel María, protagonista da axenda cultural
Durante este ano, no que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio a Manuel María, as Letras Galegas e as iniciativas de difusión da vida e da obra do autor teñen un destacado protagonismo na axenda cultural de Galicia.

Para apoiar o coñecemento e valoración social da figura do poeta chairego e da súa obra, a Consellería deseñou un amplo programa de actuacións, en colaboración coas principais institucións culturais de Galicia, entre as que destaca a exposición itinerante ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)’, deseñada en colaboración coa Casa-Museo do autor e que percorrerá ata final de ano 13 localidades das catro provincias galegas.

Comparte