Nova: Galicia conmemora os cen anos do nacemento de Cela

11/05/2016

Galicia conmemora os cen anos do nacemento de Cela

Realizouse unha ofrenda floral en Iria Flavia para celebrar o centenario do Premio Nobel galego

Durante todo o ano levarase a cabo unha ampla programación de actividades para divulgar e poñer en valor o seu legado

O conselleiro de cultura reivindicou a Camilio José Cela como “pedra angular das letras e da literatura universal”

Padrón (A Coruña), 11 de maio de 2016.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reivindicoua figura de Camilo José Cela como “pedra angular das letras e da literatura universal”, con motivo da ofrenda floral de conmemoración do centenario do Premio Nobel, celebrada no Cemiterio de Adina, en Iria Flavia, no día do seu nacemento.

Durante o acto, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia cualificou de “orgullo para Galicia” o día de hoxe, posto que o prolífico e senlleiro escritor “é unha figura clave da evolución cultural española”. Por iso, e para celebrar este centenario, a Fundación Pública Galega Camilo José Cela elaborou unha ampla programación de actividades ao longo deste ano, ao se tratar dunha “oportunidade única para divulgar e poñer en valor o seu legado”, salientou o conselleiro.

O fillo do escritor, Camilo José Cela Conde; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, tamén participaron na ofrenda floral, que abriu os actos conmemorativos da xornada.

Entre o conxunto de actividades programadas arredor do centenario de Cela destaca a mostra ‘CJC 2016. O centenario dun Nobel’, que se inaugurará na Biblioteca Nacional de España o vindeiro 4 de xullo e que despois se poderá ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Así mesmo, tamén se organizarán outras exposicións –tales como ‘O gran coleccionista’, que fai un repaso polas múltiples coleccións do escritor que se conservan na súa terra natal, ou ‘Compañías convenientes’, de arte contemporánea–, xornadas de literatura, certames literarios, actividades escolares e diferentes proxectos de dixitalización co fin de poñer ao dispor da cidadanía, a través da rede, o fondo documental da fundación.

Neste mes de maio, as actividades principais son o ‘Letreseo, semana das letras no museo’, que comeza hoxe mesmo, a entrega dos premios do certame de microrrelatos promovido en colaboración con El Corte Inglés e a Fundación José García Nieto, e a inauguración, o 20 de maio, da exposición ‘Compañías convenientes. Diálogos de arte contemporáneos do home poliedro’, comisariada por Paula Cabaleiro.

Conferencia e proxeccións 
Coincidindo co día exacto do seu nacemento, a Fundación ten programados unha serie de actos conmemorativos ao longo do día de hoxe, entre os que destaca, xunto coa ofrenda floral, a conferencia “Cela no seu centenario”, a cargo de Luis Iglesias Feijoo, padroeiro da institución, que será presentada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Pola tarde, ás 17:00 horas, proxectarase a curtametraxe “Viaje a la Alcarria”, nominada á mellor curtametraxe nos Goya deste ano. A continuación, o seu director, Tomás Cimadevilla, ofrecerá unha charla-coloquio. Ademais, e como remate da xornada, ás 22:30 horas proxectarase un vídeo sobre a fachada da Igrexa de Santa María de Adina, que tamén se poderá ver este xoves e venres á mesma hora.

Unha celebración compartida
Na conmemoración do centenario do nacemento do premio Nobel galego colaboran numerosas institucións. Ademais da Fundación Pública Galega Camilo José Cela participan nesta celebración diversas administracións e entidades públicas e galegas, entre as que se inclúen o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, a Biblioteca Nacional de España, o Consello da Cultura Galega, a Consejería de Educación de Madrid, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, Acción Cultural Española, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela e Internacional Menéndez Pelayo.

Comparte