Nova: O Premio Otero Pedrayo recoñece a extensa traxectoria como escritor e investigador de Arcadio López-Casanova
13/05/2016
O Premio Otero Pedrayo recoñece a extensa traxectoria como escritor e investigador de Arcadio López-Casanova
Cultura felicita o profesor, poeta e tradutor lucense por este galardón, que promoven a Xunta de Galicia e as deputacións das catro provincias galegas
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2016.- O Goberno galego felicita a Arcadio López-Casanova polo Premio Otero Pedrayo 2015, un galardón co que se recoñece a valiosa contribución deste profesor, crítico literario e poeta lucense ao desenvolvemento da cultura galega e á difusión da súa lingua propia, a través da súa “extensa traxectoria como escritor e investigador”.
O xurado do premio –presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do que tamén formou parte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García– reuniuse o xoves 12 de maio en Lugo para deliberar a concesión do galardón, promovido polo Goberno galego, xunto coas catro deputacións provinciais de Galicia.
Cada ano, unha das deputacións convoca o premio. Na súa última edición, a de 2015, foi a Deputación Provincial de Lugo a encargada de convocar o galardón –dotado economicamente con 16.000 euros–, que ten como principais obxectivos premiar un labor de contribución eminente á cultura galega e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións, e perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo.
Recoñecemento a unha prolífica traxectoria
Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942) é profesor, crítico literario, poeta, tradutor, antólogo e editor de textos literarios moi significativos. Na súa traxectoria destacan a súa frutífera creación poética e os estudos realizados do feito literario, xunto con valiosas incursións noutros ámbitos das letras como o teatro, o relato e a tradución.
Membro de honra da Real Academia Galega desde 2013, os seus méritos literarios e as súas valiosas contribucións no campo da interpretación e da crítica de textos literarios fan del unha voz representativa da cultura dos nosos días que merece o recoñecemento colectivo de Galicia.