Nova: A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana o Gaiás Gaming, un evento para achegar a tecnoloxía ás novas xeracións
13/05/2016
A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana o Gaiás Gaming, un evento para achegar a tecnoloxía ás novas xeracións
Nos espazos do Gaiás desenvolverase un amplo programa de obradoiros, conferencias, exhibición de videoxogos e variadas alternativas de ocio en torno ao uso das novas tecnoloxías
Aplicacións móbiles, delitos informáticos ou control parental serán algúns dos eixes temáticos que se abordarán nas conferencias previstas
O Museo Centro Gaiás acollerá unha LANParty, na que duascentas persoas convivirán e compartirán experiencias e información
Santiago, 13 de maio de 2016.- A Cidade da Cultura de Galicia acollerá esta fin de semana a primeira edición do Gaiás Gaming, un novo evento que arranca en Santiago de Compostela e que ten como obxectivo achegar a tecnoloxía ás novas xeracións, ademais de ofrecer alternativas de ocio diferentes.
A presentación tivo lugar esta mañá no Gaiás, nun acto ao que asistiu a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o representante da organización Gaiás Gaming, José Luis Montiel.
A Cidade da Cultura acollerá un amplo programa de actividades que inclúen conferencias, obradoiros, exposicións dos primeiros videoxogos que se comercializaron en España e unha variada oferta de actividades de ocio, tanto no interior como no exterior. No Museo Centro Gaiás celebrarase unha LANParty, na que duascentas persoas convivirán compartindo experiencias e información sobre novas tecnoloxías. Este encontro contará cun escenario eSports, cun simulador profesional de condución, no que se levarán a cabo exhibicións. Todo o programa está dispoñible en www.gaiasgaming.com.
O programa inclúe tamén conferencias sobre aspectos como o control parental, os delitos informáticos, as aplicacións móbiles ou a relación entre deporte e redes sociais. Estas xornadas contarán coa presenza de expertos en novas tecnoloxías, como Juan Gestal, Luis Bargo ou Álvaro Gómez Vieites, pero tamén de figuras do deporte, como o atleta Pedro Nimo.
O Gaiás Gaming conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a través do seu programa Rapaciños, destinado a favorecer o uso seguro das novas tecnoloxías entre os menores, e tamén do Colexio de Informáticos da Coruña.
José Luis Montiel anunciou que parte da recadación destinarase a fins solidarios, en concreto á compra de videoxogos que se entregarán á planta de Oncoloxía Pediátrica e Hematoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).